O Concello oferta 25 prazas no curso de capacitación de socorrista
Este é o terceiro ano que o goberno municipal organiza esta formación gratuíta de 190 horas coas que forma a homes e mulleres que poderán traballar no servizo de socorrismo este verán.
O alcalde informou este martes en rolda de prensa da posta en marcha por terceiro ano consecutivo, do curso gratuíto de capacitación para exercer de socorrista, que ten un máximo de 25 prazas.
O requisito principal para poder acceder á formación é posuír a licenciatura ou o grao en Ciencias da Actividade Física e o Deporte ou o Ciclo de Técnico Superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas. O Concello dará prioridade ás persoas empadroadas en Vigo, coa posibilidade de inscribirse desde outros municipios en caso de quedaren prazas vacantes.
As persoas que participen no curso realizarán 190 horas certificadas de formación, das que 120 son horas de natación e 70 de docencia presencial. A preinscrición poderá facerse no teléfono 010, do xoves 13 ao martes 18 de abril e o alumnado que complete o curso poderá formar parte do servizo municipal de socorrismo e salvamento e inscribirse no Rexistro Profesional de Socorristas de Galicia.