O goberno municipal aproba un modificado da humanización da rúa Talude
A Xunta de Goberno Local deu luz verde á modificación das obras de humanización da rúa Talude que acada un orzamento próximo ao millón de euros e tamén aprobou o convenio coa Fundación Carlos Casares.
Abel Caballero informou dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local sinalando, ao respecto a humanización de Talude que “a existencia dun muro obrigounos a parar a obra e estudar a súa forma”, polo que foi preciso realizar un modificado do proxecto orixinal. Apuntou tamén que a escaleira mecánica “salvará un desnivel de practicamente 10 metros e unha pendente do 45%”.
Convenio Fundación Carlos Casares
A Xunta de Goberno aprobou o convenio coa Fundación Carlos Casares para a organización do seu programa de actividades no 2023, cun importe de 6.000 €. Como sinalou Caballero, “o obxectivo é a difusión da obra de Carlos Casares con exposicións e actividades principalmente con estudantes”.