Escoitar

Ana Ulla e Antón Vidal Andión, Vigueses Distinguidos 2023

O alcalde avanzou este mércores que tamén serán recoñecidos con este galardón os Ceip Mestres Goldar, Ramón y Cajal e o Colexio Plurilingüe Nosa Señora da Esperanza, tres centros educativos que suman 50 anos ou máis de traxectoria.

mércores, 15 mar 2023

Abel Caballero adiantou algúns dos nomes e entidades que recollerán o seu galardón o vindeiro 23 de marzo, na Gala dos Premios Viguesas e Vigueses Distinguidos 2023, que se celebrará no Teatro Afundación ás 20 horas do serán.

Será Viguesa Distinguida, Ana Ulla unha “gran científica viguesa”, primeira catedrática de astrofísica da Universidade de Vigo, onde é profesora de Física na Facultade de Bioloxía. Investigadora do espazo profundo e dos exoplanetas, ocupou postos de investigación e docencia en Noruega, Madrid, na Axencia Estatal Europea ou no Instituto Niels Bohr de Copenhague.

Antón Vidal Andión recibirá o recoñecemento da cidade por ser “un vigués traballando por Vigo durante toda a súa vida dunha forma excepcional”. É vicevaledor do Cidadán de Vigo desde 2002, cunha dedicación altruísta a este cargo, tal e como sinalou o alcalde. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, pertenceu ao equipo fundador da Universidade de Vigo na que, en distintas etapas, foi xerente, vicerreitor de asuntos económicos e asesor xurídico. Na actualidade é presidente dos Consellos de Administración da Editorial Galaxia, Merlín Comunicacións, Soños do Gatipedro, Mar Maior Arxentina; é vicepresidente da Fundación Penzol e da Fundación Otero Pedraio, Patrón Fundador das Fundacións Illa Couto e Branco Amor así como da editorial SEPT. Foi membro do Instituto de Mediación e Arbitraxe e e Árbitro laboral do Consello Galego de Relacións Laborais. Caballero recalcou o importante labor de Antón Vidal Andión como “vigués con dedicación total á cidade desdea humildade e o anonimato” que ten realizado “un traballo excepcional no ámbito da cultura, da universidade e a atencion á cidade como vicevaledor”.

Este ano 2023 tamén serán galardoados como Vigueses Distinguidos, pola súa traxectoria de 50 ou máis anos, os seguintes centros educativos: o CEIP Mestres Goldar, o CEIP Ramón y Cajal (Picacho) e o Colexio plurilingüe Nosa Señora da Esperanza situado na rúa Cambeses.

 

Descargar todas as imaxes