Escoitar

Vigo recibe 2023 coa festa de fin de ano na Praza de América

O alcalde presentou este martes en rolda de prensa a celebración que organiza Aetravi e que financia o Concello. Terá lugar este sábado, 31 de decembro, coas badaladas do reloxo do IES Santa Irene e cinco horas de música ininterrompida.

martes, 27 dec 2022
O alcalde, o concelleiro de Comercio, Ángel Rivas, e os responsables de Aetravi durante a presentación
O alcalde, o concelleiro de Comercio, Ángel Rivas, e os responsables de Aetravi durante a presentación

Abel Caballero salientou que se trata da “única festa que se fai en toda Galicia con estas características: moita xente, ao aire libre, aberta a todo o mundo e para tódalas idades. Están as familias e xente de tódalas idades”, dixo na rolda de prensa na que estivo acompañado de Ana Diéguez, presidenta da Asociación de comerciantes e empresarios Travesas (Aetravi); Chus Sánchez, xerente, e Iván Iglesias, vicepresidente, da entidade que conta con 450 empresas asociadas.

A Festa de Fin de Ano de Praza América que organiza Aetravi conta co financiamento do Concello, que achega 30.000 euros, e ofrecerá a actuación da orquestra “La Fórmula”, con 17 artistas e músicos sobre o escenario, e o DJ Yenniax que ofrecerán cinco horas de música ininterrompida.

Ademais, celébranse as badaladas de fin de ano, que se seguirán co reloxo emblemático do Instituto Santa Irene. Haberá reparto gratuíto de uvas entre todos os asistentes coa previsión de que asista “moita xente”. Para que a celebración se desenvolva sen problemas, o tráfico quedará cortado na praza de América desde as 23 horas e ata as 5 da mañá.

O rexedor desexou sorte aos comerciantes para a celebración e agradeceulles o traballo e a organización poñendo en valor o papel do comercio na nosa sociedade “o comercio é moito máis que un lugar para comprar e vender; é un lugar de facer cidade”.

Descargar todas as imaxes