Escoitar

O goberno municipal organiza o IV Certame de Rondallas “Cidade de Vigo” o 8 de xaneiro

O alcalde avanzou o desenvolvemento desta “reunión tradicional” das catro rondallas viguesas no Pavillón das Travesas cun desfile previo no exterior, na contorna da Praza de América.

luns, 26 dec 2022
O rexedor comparece en rolda de prensa
O rexedor comparece en rolda de prensa

O IV Certame de Rondallas “Cidade de Vigo” reunirá o domingo 8 de xaneiro de 2023 no Pavillón das Travesas ás catro rondallas que están en activo na cidade: a do CSCR de Beade, a rondalla Pena de Freixo-Valladares, a SCDR Helios de Bembrive e a rondalla do CVC de Valadares.

Tal e como expuxo o rexedor en rolda de prensa, as rondallas son unha “actividade amateur enraizada na cidade e queremos contribuír ao seu mantemento” e á súa actividade co apoio municipal neste encontro para poder seguir desenvolvendo unha actividade “moi propia do Nadal e dos Reis e que engarza cunha tradición importante do sur de Galicia”.

O certame de rondallas “Cidade de Vigo” comezará ás 17 horas do 8 de xaneiro no Pavillón das Travesas con entrada gratuíta para tódalas persoas asistentes completar aforo. Antes do comezo, sobre as 16:30 horas, haberá desfile das comparsas na contorna das Travesas e da Praza de América, o que permitirá admirar a “vistosidade das rondallas e da tradición que encarnan”, apuntou o alcalde.

Nadal nos barrios

O Concello continúa desenvolvendo o programa de actividades “Nadal nos barrios”. Este luns, na Carpa da Praza Independencia, ás 17h, taller de bonecos de neve e na carpa do Calvario, ás 18h, espectáculo de Vigo pola Danza. O pasacalles percorrerá esta tarde Pi y Margall (17:30-18:30h) e entre 19-20 horas estará en López Moura.

VIII Torneo de Nadal Concello de Vigo de fútbol

Este luns comeza o Torneo de Nadal de fútbol coa participación de entre 1800 e 2000 deportistas que compiten en 4 categorías: tres de fútbol 8 e unha de fútbol 11. Os partidos dispútanse en oito campos de fútbol da cidade ata o xoves 29 cando se clausura pola tarde no pavillón de Navia.

Descargar todas as imaxes