O Concello remodelará o parque de Navia que terá unha extensión de 90.000 m2
A Xunta de Goberno deu luz verde ao proxecto do novo gran parque de Navia que terá 90.000 m2. Esta iniciativa, ademais de permitir remodelar esta área de ocio, facilitará a reforestación desta zona da cidade, coa plantación de case 200 árbores.
Abel Caballero deu conta esta mañá da aprobación do proxecto de mellora integral do parque Nelson Mandela, Navia. Con 90.000 m2, é o segundo máis grande de Vigo, logo de Castrelos. As actuacións desta primeira fase incluirán a apertura do novos itinerarios que permitan unha conexión máis directas no parque; os estanques converteranse en pequenos regatos, formando meandros de terra vexetados e zonas de pequenas fervenzas; plantación de arborado con case 200 unidades de gran porte e 4.000 m2 de superficie de plantación arbustiva; zona para cans, labirintos vexetais; reparación de pavimento danado; un auditorio ao aire libre; novo mobiliario urbano: 20 mesas na zona de merendeiro, 20 bancos no percorrido do paseo central, tumbonas, fontes, papeleiras, aparcabicis e mesas de Teqball. Este proxecto ademais remodelar o parque, apuntou, permitirá reforestar Navia, explicou o rexedor. Unha vez licitado, o inicio das obras será inminente e, tan pronto remate a execución desta primeira fase, arrancará a segunda.
En rolda de prensa Caballero lembrou que o Concello tamén está a recuperar o paseo do Lagares na zona alta, así como diversas zonas húmidas, facendo compatible a existencia de zonas de ocio cunha “importantísma recuperación medioambiental”.
Convenio Deputación
A Xunta de Goberno validou asi mesmo o convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para a continuidade das actuacións para a cesión ao Concello da titularidade da estrada provincial Calvario A Garrida, tramo Igrexa de Beade A Garrida -coñecida como estrada Porto -. O importe das obras de transformación e ampliación ascenden a 1,3 millóns, dos que case 700.000 euros son achegados pola Deputación. Tal e como indicou o rexedor, xa se acometeu gran parte destes traballos que permitirán realizar a “maior inversión que se fixo nunca no rural de Vigo”.
Cubrición Tranvía
O goberno local tamén aprobou a licitación da cuberta do tranvía da Praza do Emigrante, cun importe de 188.835 euros e un prazo de execución de 12 semanas. A primeira convocatoria pública para acometer este proxecto quedou deserta e o Concello licitou de novo unhas obras que teñen por obxectivo preservar cunha cuberta de vidro esta infraestrutura que forma parte da historia da cidade.