Escoitar

Vigo prevé acender as luces de Nadal ás 19 horas deste sábado 19 de novembro

“Dentro de catro días comeza o Nadal no planeta”, sinalou o alcalde, e ante a previsión de choiva, o Concello estima que o acto de posta en marcha da iluminación será ás 7 da tarde se as previsións climatolóxicas non cambian.

martes, 15 nov 2022
O alcalde durante a visita á montaxe da árbore de Nadal na Porta do Sol
O alcalde durante a visita á montaxe da árbore de Nadal na Porta do Sol

“Estamos pendentes da hora, en función da meteoroloxía e nestes momentos temos en mente as 7 da tarde”. Este é o anuncio que vén de facer Abel Caballero que explicou que non é o definitivo xa que a decisión final tomarase coa previsión do tempo.

O rexedor deu conta dalgunhas das medidas adoptadas no ámbito da seguridade para a xornada do vindeiro sábado 19 de novembro: o punto de encontro de nenos e obxectos perdidos estará situado na rúa Elduayen con Abeleira Menéndez e, en todo caso, de perderse algún neno, cómpre contactar con Protección Civil, Cruz Vermella ou a Policía Local. O centro de coordinación do evento estará na Casa Galega da Cultura, en Porta do Sol, mentres as ambulancias e os bombeiros quedarán situados en Elduayen. García Barbón con Pontevedra e a praza de Doutor Cadaval. A carpa do hospital de campaña sitúase en Doutor Cadaval e o posto de socorro en Elduayen con Abeleira Menéndez. “Imos darlle o máximo de seguridade – ao acendido- dacordo co plan de autoprotección”, explicou, que establece un máximo de 9.000 persoas no recinto pechado na contorna da árbore da Porta do Sol.

O Concello aprobou tamén o bando de paralización das obras durante o Nadal co obxectivo de facilitar a mobilidade no centro da cidade nun período de maior afluencia de persoas e vehículos. Queda prohibido realizar obras ou traballos que afecten á vía pública entre o sábado 17 de decembro ás 00 horas e o luns 9 de xaneiro de 2023 ás 8 horas. Durante estes vinte días non se poderán executar obras que afecten á vía pública, tanto na calzada como nas beirarrúas, salvo autorización expresa do Concello. Estas restricións afectan ás rúas Doutor Corbal, Bos Aires, Travesía de Vigo, Aragón, Jenaro de la Fuente, Avda. Martínez Garrido, estación de autobuses, Avda. Arquitecto Palacios, Avda. Castrelos, Avda. Portanet, Avda. Citroen e a circunvalación oeste ata Bouzas.

Ademais o bando recolle que na zona urbana interior, nas rúas Isaac Peral, García Barbón, Alfonso XIII, Lepanto, Gran Vía, María Berdiales, Rolda de Don Bosco, Cachamuíña, Falperra, Paseo Alfonso e Poboadores, debido aos traballos de montaxe e mantemento da iluminación do Nadal, queda prohibida a realización de calquera evento que afecte á vía pública, tanto en calzada como en beirarrúas, entre o sábado 19 de novembro desde as 14 horas, ata o luns 16 de xaneiro ata as 8 horas.

En canto ao horario da iluminación, o rexedor explicou que se acenderá cada día ás 18:30 horas e apagaranse ás 00:30 horas. O apagado de xoves a domingo, en vésperas de festivo e os días especiais (24, 25, 30 e 31 decembro e 1, 5 e 6 xaneiro) será ás 2 da mañá, recortando o tempo para “aforrar enerxía”, máis dun 14%, tal e como apuntou o alcalde.

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes