Escoitar

O Concello incrementa nun 20% o orzamento de Benestar Social para 2023

O Presuposto Municipal do vindeiro ano para esta área chega aos 22,6 millóns de euros con “axudas de emerxencia sen límite para alimentos, pago de hipotecas, enerxía ou alugueiros”. A partida total de Benestar Comunitario suma 56,6 millóns de euros, un 5% máis que en 2022.

luns, 7 nov 2022
Abel Caballero deu conta do orzamento social de 2023
Abel Caballero deu conta do orzamento social de 2023

Abel Caballero detallou este luns en rolda de prensa a partida de Benestar Social do Concello para o vindeiro ano “un orzamento social de enorme envergadura, cun incremento importantísimo do 20%, o que pon de relevo a nosa vocación de política social, con axudas de emerxencia sen límite para alimentación, alugueiros, hipotecas, enerxía; para evitar a catástrofe social. A xente que nos necesita na cidade sempre nos vai a ter ao seu lado”, explicou.

Con ese fin, o orzamento previsto para o vindeiro ano na área de Benestar Social ascende a 22,6 millóns de euros, un incremento de case un 20%, o que significa que dispón de 4 millóns de euros máis que en 2023.

O rexedor destacou algunhas das partidas como a destinada ao Servizo de axuda no fogar, dotado con 10,6 millóns de euros, unha suba do 36,7%, é dicir, 2,8 millóns de euros máis ca exercicio pasado: “un aumento importantísimo, a nosa dedicación á dependencia coa implicación directa do Concello”. As axudas a familias e o fondo de emerxencia ascende a 1.150.000€, 25.000 euros máis que en 2022; o Albergue tamén incrementa o seu orzamento un 31% chegando a 1.028.108 euros, 243.000 euros máis que en 2022: “seguimos manifestando a solidariedade da cidade coa xente sen teito. Non queremos que durman na rúa, queremos que teñan un lugar digno para vivir”, lembrou Caballero que esta é unha “competencia exclusiva da Xunta de Galicia que non lle dedica nin un céntimo” a este fin.

O Programa socio-educativo e de apoio familiar terá en 2023 un orzamento de 838.596 euros; as Bolsas de libros e comedor sumarán 1.933.000 euros, nos que se inclúe a axuda a Foanpas para as bolsas comedor, unha suba dun 2,5%: “Case dous millóns de euros sen ter competencia pero non queremos que as nenas e nenos de Vigo con familias sen recurso queden sen poder facer a súa comida nos comedores”. A isto cómpre sumarlle os 5,2 millóns das bolsas de libros para o alumnado de ensino obrigatorio: 205 euros para as familias con nenos nesta etapa escolar.

O goberno municipal aumenta para 2023 un 7% a partida destinada ao programa de Coidadores de Barrio: 570.000 euros o vindeiro ano, o que supón 39.500 euros máis que en 2022. O programa Vigo, cidade amiga dos maiores ten reservados 202.000 euros, un 26% máis que en 2022. Ademais, o Concello ten recollidos os datos para elaborar o mapa da soidade na cidade para artellar a axuda e demanda que precisan as persoas que viven soas. Adicionalmente, o Concello destina 350.000 euros ao cofinanciamento dos centros de día de Teis, Coia e Valladares: “É un escándalo, diñeiro de Vigo para que o aforre a Xunta en política social para a cidade”.

A partida de Benestar Social reserva 346.000 euros, 10.000 máis que o exercicio anterior, para o apoio aos comedores sociais: Banco de alimentos (83.000€), Fundación Santa Cruz (57.060€), Comedor da Esperanza (54.750€), AFAN (60.000€), Vida Digna (45.000€), Sal de la Tierra (10.000€), Misioneiros del Silencio (36.200€, 10.000 máis que en 2022). Para o programa Programa Xantar na Casa a dedicación é de 145.000 euros co fin de levar comida a domicilio ás persoas que o precisan.

O apoio municipal a diversas entidades que traballan na cidade suma 251.000 euros: Alborada, DOA, San Francisco, Amigos dos maiores, AECC, Secretariado xitano, Persoas xordas, Menela, AFAGA e o Convenio co Pobo Saharauí. Amais destínanse 60.000 euros a asociacións de cooperación.

Descargar todas as imaxes