Caballero eloxia a calidade literaria da IX edición do Certame de Relatos Vigo Histórico
O relato Gracítame, de María Jesús González, é o gañador da novena edición do Certame de Relatos Vigo Histórico, organizado por Editorial Elvira, no que participaron preto de 200 escritores de Vigo, Galicia, o resto de España e tamén do estranxeiro. O segundo premio foi para Una calle cuesta arriba, de María del Carmen Pereiro Oliveira.
Abel Caballero participou esta mañá na rolda de prensa na que se deron a coñecer os gañadores do IX Certame de Relatos Vigo Histórico. Acompañado por Xabier Romero, responsable da Editorial Elvira e do xornalista Jacobo Buceta, o alcalde recoñeceu que lle gustan especialmente os actos que teñan que ver coa literatura e destacou que “este certame é unha idea excepcional que se converteu nunha realidade marabillosa, porque o que comezou sendo un experimento, agora xa podemos dicir que é unha acción consolidada”. Caballero felicitou a todas e todos os participantes por escribir e crear realidades paralelas, “e para cada un, o seu relato é o mellor”.
A Casa Galega da Cultura acolleu esta mañá o acto informativo no que se deu a coñecer a resolución do certame no que Xabier Romero destacou que este é o acto da editorial que máis ilusión lle fai, “porque me lembra todo o que facemos ao largo do ano e a ilusión que xera este certame entre os escritores e escritoras e proba diso é ver como se enche este auditorio para escoitar a resolución”. O responsable da editorial tamén destacou que o vindeiro ano cumpriremos dez anos e “haberá sorpresas”.
A resolución
O gañador da novena edición do certame é o relato Gracítame, de María Jesús González, un escrito cheo de humor e retranca, no que faremos un percorrido dende o Vigo do Nadal ata o Cemiterio de Pereiro, no que estaremos en contacto cos ilustres persoeiros que ai descansan. A gañadora desta edición é unha das escritoras habituais nos certames da Editorial Elvira e con éxito, xa que hai pouco máis de un ano gañou tamén o certame de Historias no Camiño co relato Os fillos pequenos. O segundo premiado foi para Una calle cuesta arriba, de María del Carmen Pereiro Oliveira, quen tamén é moi fiel ao certame e ademais foi a vencedora nunha das primeiras edicións (2017), co relato Nunha maleta caben todos os ventos. O gañador recibirá un premio de mil euros, mentres que o segundo premio terá 500 euros e os 4 accésits, 200 euros cada un.
As bases do Certame de Relatos Vigo Histórico marcan que o tema é libre pero Vigo ten que ter un papel protagonista nos relatos presentados. Dentro dun par de meses aproximadamente, reunirémonos nun acto público para proceder á entrega dos premios e a presentación do libro Relatos na Rúa IX, no que aparecerán publicados os relatos premiados e unha ampla escolla dentro dos presentados. Como xa sabedes, dende hai uns anos, Editorial Elvira colabora coa Fundación Igual Arte, que participa de forma moi activa tanto na gala como no libro. Pola súa banda, a editorial cede á Fundación un euro por cada exemplar vendido.
Coma sempre, hai que destacar o enorme traballo do xurado do Certame de Relatos Vigo Histórico, que ten a difícil tarefa de elixir. O noso gran equipo estivo formado pola escritora Ledicia Costas; o pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a escritora Clara do Roxo, o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, a escritora e actriz María Lado e a xornalista Noelia Otero Lago.