Escoitar

O goberno municipal crea unha gran área de economía, emprego e investimento para a captación de fondos europeos

O alcalde informou este luns en rolda de prensa da adaptación que vén de realizar no seu goberno co fin de seguir captando fondos europeos. Elena Espinosa asume a nova área de xestión dos fondos europeos e Patricia Rodríguez incorpora Seguridade.

luns, 5 set 2022
Abel Caballero durante a rolda de prensa en Alcaldía
Abel Caballero durante a rolda de prensa en Alcaldía

Segundo explicou Abel Caballero, os fondos Next Generation EU son unha “oportunidade histórica e Vigo está optando a todo e imos optar a moitos máis recursos”, un obxectivo que “require adaptar o goberno a esta nova situación durante os seguintes anos”, estimando en cinco anos ese período de tempo necesario.

Así, a tenente de alcalde Elena Espinosa, farase cargo de todo o programa de fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, coa captación, solicitude, xustificación e coordinación de todos os departamentos municipais que teñan que ver coa execución dos fondos Next Generation EU. Polo tanto “vén ao ámbito da economía onde vai sumar todos os fondos de emprego nesta nova área que asume”, sinalou o rexedor, explicando que un dos ámbitos de máis xeración de emprego nestes momentos na cidade son os investimentos derivados dos fondos da Unión Europea, que xeran “miles de postos de traballo. Quero xuntar emprego, a través do investimento, cos programas de emprego municipais, facendo unha gran área”.

Elena Espinosa asume, polo tanto, a área de emprego que era competencia, ata o de agora, de Abel Losada e farase cargo de Patrimonio, cedendo as competencias de Seguridade a Patricia Rodríguez, que a suma ao ámbito de xestión municipal.

Descargar todas as imaxes