Escoitar

As estacións de Urzáiz e Guixar serán edificios intelixentes

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe o convenio entre ADIF-Alta Velocidade e o Concello para o desenvolvemento do proxecto piloto da convocatoria do Plan Nacional de Territorios Intelixentes da Axenda Dixital para España.

luns, 5 set 2022

As estacións de ferrocarril da cidade serán intelixentes. O BOE publicou o convenio entre ADIF-Alta Velocidade e o Concello para o desenvolvemento do proxecto piloto para as estacións de Urzáiz e Guixar no marco da convocatoria do Plan Nacional de Territorios Intelixentes da Axenda Dixital para España. O importe é de 5 millóns de euros, dos cales 4 son aportados polo organismo Red.es, dependente do ministerio de Asuntos Económicos, e un millón polo Concello

O alcalde explicou en rolda de prensa que o fin “é a interconexión e cambio de datos en tempo real coas estacións de ferrocarril. Serán un nodo IoT (Internet of Things) para comunicar en tempo real o que acontece na cidade”.

Abel Caballero explicou que haberá información da cidade relativa a distintos aspectos: datos de ocupación en edificios públicos, medidores medioambientais, afluencia de viajeros e turistas, oferta turística e cultural, estado do tráfico, información de aparcamentos, estado do mar e as praias, información de servizos públicos e información de seguridade.

“Este proxecto permitiranos dispoñer en tempo real todos os datos sensibles da cidade de Vigo”, concluíu.

Adenda ao convenio para a execución dos accesos á nova estación

O BOE tamén vén de publicar a segunda adenda ao convenio para a execución dos accesos e nova mobilidade urbana no entorno da estación de Urzáiz.

O rexedor explicou que o convenio prorrógase por un período máximo de 4 anos ou ata a finalización das obras: “As obras rematarán pronto, pero así establécese un período de garantía”.

Descargar todas as imaxes