Escoitar

Caballero compromete o apoio de Vigo a Nigrán e Baiona ante a situación de seca

O alcalde vigués trasladoulle este xoves aos seus homólogos de Baiona e Nigrán que a cidade deixará de usar auga do embalse de Zamáns para afrontar a “situación de seca extremadamente grave” que hai nestes momentos. A vindeira semana convocará ao resto de rexedores e rexedoras da zona.

xoves, 25 ago 2022
Imaxe previa do encontro celebrado este xoves no Concello de Vigo
Imaxe previa do encontro celebrado este xoves no Concello de Vigo

Abel Caballero convocou un encontro con Juan González, alcalde de Nigrán, e Carlos Gómez, rexedor de Baiona, no que tamén participaron os tenentes de alcalde, Elena Espinosa e Javier Pardo para abordar a situación do abastecemento de auga nestes Concellos que, segundo dixo, están “en situación de seca extremadamente grave”, polo que se o comezo do outono vén seco “teremos un problema nestes dous concellos moi importante”.

O alcalde sinalou que “Vigo apoiará a Nigrán e Baiona, non imos permitir que queden sen auga desde a conciencia de que aquí temos un serio problema de auga. Temos que ser solidarios”. Así, avanzou que o Concello “retirará as 19.000 persoas da cidade que se abastecen da presa de Zamáns para abastecelas directamente desde a ETAP do Casal cara a ETAP de Valadares” e para permitir así que “Baiona e Nigrán teñan un mes máis de auga. Acudimos no seu apoio e axuda”.

Amais, o Concello de Vigo reduciu a toma de auga de Zamáns cara Vigo nun 45% no mes de xaneiro para permitir que Nigrán e, eventualmente Baiona se o precisa, poidan abastecerse durante un tempo dese encoro. “Se non o tiveramos feito, Zamáns estaría practicamente baixo mínimos”.

Caballero advertiu que “en todo o gran Vigo hai un gravísimo potencial problema de seca”, que medrará se non chove no outono, e afirmou tamén qus os tres alcaldes saben e comparten que “a Xunta de Galicia quere que a zona de Vigo quede sen auga por razóns políticas”, sendo a súa competencia e obriga o abastecemento de auga en alta.

Así, o rexedor olívico manifestou a súa “condena enérxica” da actuación do presidente da Xunta que nin sequera convocou aos alcaldes para coñecer a situación mantendo unha “actitude neglixente. En 10 anos non fixo nada porque o máis grave é que sabemos – deste problema – desde 2013. Vigo ten que estar resolvendo o problema de Vigo e do resto de municipios da contorna”, censurou.

Neste sentido, avanzou que a próxima semana convocará a unha reunión ao resto de alcaldes e alcaldesas da zona que dependen da presa de Zamáns para acordar medidas conxuntas de aforro e precaución “ante a eventualidade dun outono seco porque hai que tomar medidas”.

 

 

 

Imaxe previa do encontro celebrado este xoves no Concello de Vigo
Descargar todas as imaxes