O Concello conxela os impostos en 2023 e bonifica o 50% do IBI pola instalación de placas solares
O rexedor avanzou este xoves que o Orzamento municipal de 2023 recollerá “unha conxelación total de tódolos impostos e taxas” por cuarto ano consecutivo.
“Estamos na redución real de impostos máis importante que houbo nunca na historia da cidade”, afirmou o rexedor ao dar conta da medida este xoves en rolda de prensa. Con esta decisión, o goberno municipal conxelará tódolos impostos e tódalas taxas para o ano 2023 na cidade, sumando así catro anos consecutivos con impostos conxelados e “nalgúns casos, reducidos.
Abel Caballero engadiu amais que, no contexto actual no que a inflación acada o 10%, a medida supoñerá que “en termos reais, a cidadanía pagará un 10% menos de impostos que o ano pasado. En lugar de subir impostos, conxelamos”.
A Xunta de Goberno Local deu luz verde este xoves tamén á bonificación do 50% do IBI para aqueles inmobles que incorporen placas solares. “Queremos incentivar a transición ecolóxica e producir aforro enerxético”, apuntou o alcalde, que adiantou que a medida pode ter un impacto de medio millón de euros. Desde a instalación e durante tres anos manterase esta exención do 50% do IBI do inmoble.