O goberno municipal dedica preto dun millón de euros ás entidades veciñais
A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves unha nova convocatoria de axudas para o fomento da participación cidadá en actos sociais e encontros veciñais por un importe de 115.000 euros.
O alcalde puxo en valor o investimento municipal neste ámbito xa que, amais desta nova convocatoria, o Concello dedica neste 2022 416.000 euros ao fomento do asociacionismo e a participación cidadá, eximindo do pago do IBI a unha parte das entidades e, amais, triplicou neste ano as axudas ás festas de barrios e parroquias chegando aos 390.000 euros. 2Estamos dedicando preto dun millón de euros ás asociacións veciñais”, destacou Caballero.
A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves as bases reguladoras e convocatoria das subvencións para contribuír a financiar os gastos da organización e difusión de actos sociais e encontros veciñais de fomento da participación cidadá para o ano 2022 por un importe de 115.000 euros. As entidades poderán solicitar fondos para a montaxe de carpas ou a instalación de estruturas ou cubertas; para a organización de competicións de xogos populares ou para o deseño e impresión de publicacións. As solicitudes poderán presentarse nun prazo de 10 días naturais, unha vez publicada a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.