Escoitar

O alcalde traslada o apoio municipal á celebración da Feira Internacional da Pedra Natural

Abel Caballero mantivo unha reunión este venres cos promotores do evento que prevé celebrarse entre o 22 e o 24 de maio de 2024 no Ifevi co obxectivo de situarse como a “cuarta gran feira” da cidade.

venres, 19 ago 2022
O rexedor e o concelleiro Ángel Rivas cos promotores da feira
O rexedor e o concelleiro Ángel Rivas cos promotores da feira

Os promotores da primeira Feira Internacional da Pedra Natural en Vigo, que se desenvolverá baixo o nome “Stone.gal”, queren unir o sector extractivo, industrial, trasformador e o sector da comercialización para “poñer en valor unha industria que no sur de Galicia e en Vigo é importantísima”, explicou o rexedor na rolda de prensa posterior ao encontro.

Abel Caballero trasladoulles que “teñen todo o apoio do alcalde e do Concello” e avanzou que o proxecto desta “gran feira fortalecerá a Vigo”, que está consolidando a súa posición como marca. Engadiu que, no sector da pedra natural, España hoxe é un actor moi relevante pero non ten un evento de referencia como poden ser Navalia ou Conxemar no ámbito da pesca e do conxelado. Nestes momentos hai tres grandes feiras internacionais que se celebran en Verona, EEUU e Asia e “temos que facer unha en Vigo coa que pretendemos ser referentes no mundo”.

A previsión da organización é celebrar Stone.gal no Ifevi do 22 ao 24 de maio de 2024 e que se constitúa como a “cuarta gran feira de Vigo” para o que contan co apoio da Agrupación industrial do Granito e da Lousa de Galicia.

Descargar todas as imaxes