A campaña municipal “Non deixes rastro” promove a limpeza dos excrementos das mascotas na rúa
O alcalde informou este venres da posta en marcha en Teis desta iniciativa coa que a cidadanía recibe unha botella reutilizable para limpar os ouriños e deposicións dos cans no espazo público.
O alcalde explicou que a proba piloto desta campaña está a desenvolverse en Teis, en colaboración coa Asociación de Hostaleiros e Comerciantes, obtendo “un éxito importante” e que o obxectivo é “estendelo a todo Vigo”.
Baixo o lema “Non deixes rastro” o goberno municipal quere concienciar á cidadanía sobre a necesidade de recoller os excrementos das mascotas, tal e como marca a ordenanza e, en segundo lugar, apela á contribución cidadá co reparto de botellas de plástico reutilizables para limpar a zona que manchen as deposicións das mascotas.
Tal e como expuxo Caballero, os comerciantes teñen repartidas xa 1.000 botellas pregables coa recomendación impresa de introducir nelas unha mestura de auga e vinagre para axudar a limpar e desinfectar a zona afectada. As persoas interesadas poden solicitalas nos establecementos comerciais de Teis. “Máis adiante, comezaremos un reparto masivo en toda a cidade”.
Ademais, o Concello distribuíu carteis informativos en Teis co recordatorio das normas que deben cumprirse cos cans na rúa: as mascotas non poden pasear soltas, soamente nas zonas habilitadas para facelo, sendo obrigatorio recoller as súas deposicións en bolsas pechadas e introducilas nos contedores. “Agora damos un paso voluntario e queremos que tódolos propietarios se conciencien de que é bo usar esta usar a mestura alí onde as súas mascotas ouriñen”.
A inmensa maioría das persoas con mascota cumpre as normas malia que “unhas poucas” non o fan, apuntou Caballero, que apelou á colaboración cidadá para desenvolver esta campaña.