Caballero garante que Stellantis recibirá os fondos do PERTE do VEC
O alcalde explicou que o Grupo Stellantis estará na asignación definitiva do PERTE do VEC cando inclúa o xemelgo dixital na súa solicitude. Abel Caballero tamén manifestou que o grupo automobilístico recibirá “proximamente” a notificación da transferencia para que a planta de Stellantis en Vigo vea satisfeitas as súas demandas.
Caballero afirmou en rolda de prensa que o Grupo Stellantis si formará parte da asignación de fondos do PERTE do Vehículo Autónomo e Conectado posto en marcha polo Goberno de España con fondos europeos. “A Stellantis faltáballe o xemelgo dixital na solicitude. Vai incluílo e terá as axudas que solicitou no seu plan de mínimos”, explicou.
O alcalde tamén lembrou que o Goberno de España e o Grupo Stellantis están a manter xuntanzas para a instalación na planta viguesa do seu proxecto para o vehículo autónomo e conectado e as demandas industriais: “Debo dicir que o Goberno de España está en proceso de aproximación para transferir de xeito rápido a cantidade que satisfaga as demandas para os novos modelos industriais do automóbil. Stellantis España e Vigo terán os apoios que precisan para garantir o seu futuro na planta industrial de Vigo”, concluíu.