Chega a Vigo o evento musical “Los40 Summer Live"
A cita será o mércores 3 de agosto a partir das 21:00 horas no aparcadoiro do Museo Verbum na praia de Samil. Abel Caballero presentou o cartel en rolda de prensa xunto ao director xeral do Grupo Radio Vigo, Eugenio González de Haz, e o xefe de emisoras musicais de Radio Vigo, Salvador García Cal.
Os40, Os40 Urban e Os40 Dance teñen en marcha “Los40 Summer Live”, a sétima xira de verán da emisora que percorrerá parte da xeografía española con parada en 16 localidades para ofrecer un cartel de máis de 20 artistas. O evento desenvolverase o mércores 3 de Agosto a partir das 21:30 horas no recinto do aparcadoiro do Verbum na Avda. de Samil onde estarán sobre o escenario Blas Cantó, Marlon, Depol, Belén Aguilera, Leo Rizzi, Samuraï, Pol Nández, Natalia Lacunza, Dani e o DJ David Álvarez.
Los40 Summer Live é a festa de verán ao aire libre máis divertida, e que un ano máis volve a Vigo co acceso libre e gratuíto co patrocinio do Concello de Vigo.
En liña coa recente aposta do Eco de Os40 pola concienciación co coidado do planeta e a loita contra o cambio climático, a xira dará comezo á iniciativa “From Trash to Live”. Unha campaña que pretende concienciar aos amantes da música a que dean ao plástico unha segunda vida lanzando mensaxes durante o evento e habilitando puntos de reciclaxe repartidos por cada espazo.
Para que os asistentes a este evento poidan volver ao centro da cidade, Avanza creou un servizo especial de Vitrasa para a noite do evento. Para desprazarse ao aparcadoiro do Verbum na praia de Samil, Vitrasa ten operativas varias liñas que xa dan un amplo servizo a Samil todos os días da semana (C3, 4C, 23, 10, 15A, 15B, 15C). Para facilitar a volta ao centro da cidade dos asistentes ao evento, VITRASA dispuxo reforzos en función da demanda da súa liña nocturna con saída Avda Samil (parada situada en fronte ao museo Verbum) dirección centro: Samil - Avda. Castelao - Camelias - Venezuela - Urzáiz - García Barbón - Sanjurjo Badía - Travesía de Vigo - Pizarro - Praza España - Gran Vía. Os horarios detallados están en vitrasa.es e Vigo App.