Escoitar

A "Vigo Battle of Teams" de crossfit volve este venres con récord de participantes en Samil e o patrocinio do Concello 

Volve a Vigo Battle of Teams, o evento pioneiro de crossfit ao aire libre con 1.400 participantes.

xoves, 28 xul 2022

Volve a Vigo Battle of Teams, o evento pioneiro de crossfit ao aire libre que conta con inscricións de cinco países (Portugal, España, Andorra, Francia e Italia) e 1.400 participantes (cinco deportistas titulares e dous reservas por cada un dos 200 equipos), un récord para tres días de competición, dende mañá venres ata o domingo 31.

O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, anunciou que o Concello é o patrocinador principal -por medio das Concellerías de Deportes e Turismo- dun evento que comeza este venres ás oito da mañá no campo de fútbol do complexo deportivo municipal de Samil. “Este concelleiro considera que é un dos eventos importantes do calendario anual de competicións”, explicou.

Gustavo Veloso, o seu organizador, que acudiu á presentación de Praza do Rei con Juan Piris, María Estévez, Elena Blumen e Mateo Crespo, manifestou que o ano pasado non se fixo “polas medidas sanitarias e porque non viamos prudente realizalo con tanta xente”.

En xaneiro deste ano abriuse a fase clasificatoria e “vimos que a xente seguía enganchada a mover rodas e levantar sacos... e segue tendo tirón”. Case dous mil atletas na clasificatoria”.

Ademais dos participantes, “con eles veñen familiares e amigos co que seremos uns tres milleiros de persoas e a hostalaría de Vigo notarao”, apuntaba Veloso.

Ademais da competición no campo de fútbol Armando Cajaraville, haberá natación o domingo diante do complexo (praia da Calzoa) e trail en Oia e Saiáns. Para o edil de Deportes, esta é “unha competición de alto nivel que, ademais de ser un referente en España tamén vai selo en Europa".

Con 200 equipos, a competición está dividida en seis categorías (Intro, Intro Máster, Pro, RX, RX Máster e Elite). Os participantes terán que nadar, correr, saltar, probas de esforzo, facer exercicios de halterofilia ou de ximnasia.

Descargar todas as imaxes