O Concello e Adif asinan a cesión de solo que permitirá prolongar Serafín Avendaño ata Isaac Peral
O alcalde e a presidenta do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, María Luisa Domínguez, rubricaron o convenio de cesión á cidade de dúas parcelas pertencentes á antiga liña ferroviaria de baixada ao porto e a transmisión ao seu favor dunha parcela municipal na rúa Aragón.
O alcalde puxo en valor este acordo que permite “abrir unha rúa nova, continuando Serafín Avendaño ata case Isaac Peral, dando servizo a unha zona e a unhas vivendas que se fixeron nunha rúa que aínda non era do Concello,”. A nova vía circulará de forma paralela a García Barbón.
“Seguimos facendo rúas, humanizando e mellorando a vida da xente”, engadiu Caballero, que cualificou de “moi satisfactoria” a reunión coa presidenta de Adif, con quen o Concello mantén unha “relación excepcionalmente boa” que permite ás dúas institucións “actuar en favor da cidade”.
O convenio asinado este xoves establece a cesión ao Concello de solo destinado a viario, propiedade de ADIF e ocupado actualmente por unha vía pública, situado en Serafín Avendaño de 540 metros cuadrados de superficie. En virtude do mesmo, o Concello compensa a Adif coa transmisión ao seu favor da propiedade dunha parcela municipal de 534 metros cuadrados situada na rúa Aragón con uso asignado de vivenda colectiva e edificabilidade de 1.115 metros cadrados.
Ademais desta permuta, o convenio establece tamén a cesión anticipada de uso provisional e gratuíta doutros dous terreos pertencentes á antiga liña ferroviaria de baixada ao porto vigués. A primeira das parcelas está situada na rúa Canadelo Baixo, cunha superficie de 2.143m2, sobre a que se abrirá unha vía de 16 metros de ancho que conectará Canadelo Baixo con García Barbón, utilizando a traza do antigo ferrocarril. A segunda parcela, situada en Callao ten 780m2, e permitiralle ao Concello mellorar de forma urxente o acceso viario ás Oficinas da Dirección Provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social. Tal e como explicou o alcalde, esta parcela integraríase no viario de nova creación que constitúe unha alternativa de circulación paralela a García Barbón para chegar ata Isacc Peral.
O documento recolle unha cesión de uso provisional e gratuíta por un prazo de cinco anos destas dúas parcelas, namentres o Concello desenvolve a tramitación precisa para obtelas definitivamente neste período de tempo.
O alcalde explicou que o encontrou con María Luisa Domínguez serviu tamén para revisar o conxunto de obras de Adif na cidade, como a que se executa na zona da estación de tren, “extraordinariamente importante”. O Concello pediu apoio a Adif para a construción do ascensor Halo xa que unha parte da obra se desenvolve en terreos da súa propiedade e revisaron a parcela situada en García Barbón con Sanjurjo Badía na que se proxecta habilitar espazos deportivos para a cidade.