O Concello inviste máis de 1,2 millóns de euros na humanización da rúa Romil
A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a proposta de contratación das obras do proxecto de humanización da primeira fase da rúa Romil, entre o cruzamento coa rúa Feliciano Rolán e a rúa Ourense.
“Unha humanización de altísimo standing” explicou o alcalde, que inclúe a renovación de pavimentos e redes de subministración, a instalación de novas luminarias, xardineiras e mobiliario. O goberno municipal estima que o prazo de execución é de 5 meses e conta cun orzamento de 1.230.000 euros.
As obras coinciden coa entrada en funcionamento do pavillón da rúa Romil, polo que, segundo expuxo o rexedor, comezará a traballarse nesa zona e “continuaremos humanizando o resto da rúa”.
Escolas infantís municipais
A Xunta de Goberno Local tomou nota das listas definitivas de adxudicación de prazas e listas de espera nas escolas infantís para o curso 2022-2023: recibíronse 527 solicitudes, das que 397 son novos admitidos e 130 están en lista de espera.
Para Abel Caballero, a situación xeral reflicte que a maior demanda se produce pola mañá mentres quedan prazas vacantes polas tardes. Neste momentos, hai prazas libres nas aulas 0-1 (nenos nacidos en 2022) aínda que en setembro adoitan cubrirse. O Concello contará con 397 novos alumnos nas escolas infantís de Atalaia-Teis, Bouzas, Mestres Goldar-Castrelos, Costeira-Saiáns, Navia, Santa Cristina-Lavadores, Tomás Alonso e Santa Marta-Casco Vello, que será trasladada á Praza da Industria en canto estea dispoñible a nova escola infantil.
O alcalde sinalou que este ano é gratis todo o servizo, incluído o comedor, que tamén está subvencionado polo Concello mentres a Xunta de Galicia non o paga. Amais, por mor da normativa da Xunta de Galicia, o Concello debe aboar unha parte das escolas autonómicas, polo que Vigo dedica 2.338.683 euros ás escolas municipais e paga 205.000 euros polas escolas infantís da Xunta.
Outros acordos
A Xunta de Goberno Local aprobou a subvención a favor da Asociación do Centro Veciñal e Cultural de Valadares para a organización da festa gastronómica do Polbo 2022 por un importe de 9.500 euros. A celebración será o próximo 14 de agosto, no Parque Forestal do Monte dos Pozos en Valladares dentro da programación “Vigo en Festas 2022”. O alcalde puxo en valor esta “romaría gastronómica e extraordinaria que se celebra nun clima estupendo e neste parque fermoso” que financia o Concello ao cento por cento.
Caballero informou tamén da aprobación da subvención mediante convenio coa Federación de libreiros de Galicia para o desenvolvemento das feiras do libro durante deste ano 2022, que suman un importe de 5.000 euros: a Feira do Libro Novo, do 1 ao 7 de xullo, na rúa do Príncipe e a Feira do Libro Antigo e de Ocasión que se desenvolverá desde o 23 de xullo ao 7 de agosto na Praza de Compostela.
Quedou aprobado tamén o patrocinio publicitario de 50.000 euros para a celebración do evento turístico-deportivo “Campionato do Mundo VAURIEN 2022” organizado polo Real Club Náutico de Vigo entre o 23 e o 29 xullo de 2022. “A nosa cooperación co Náutico e coas competicións e deporte de base de Vigo tentamos que sexa moi importante, especialmente nunha copa do mundo que vai ter un percorrido destacado. Queremos que Vigo estea presente de forma moi reseñable no deporte”, apuntou o rexedor.
A Xunta de Goberno deu luz verde este xoves aos expedientes de contratación da prestación do servizo de actuación artística, rider e cátering de Homes G, cun orzamento de 121.000 euros, e de Love of Lesbian por un importe de 174.000 euros. Tamén se aprobou a achega municipal a Navalia, a través do convenio de colaboración con Muéstralo, Organización de Eventos Feirais por un importe de 5.000 euros.