Escoitar

O goberno de Vigo tramita a prolongación do túnel de Porta do Sol para peonalizar tamén o Paseo de Alfonso

O obxectivo do Concello é que o tráfico entre en túnel en Torrecedeira e pase por debaixo do Barrio do Cura, Paseo de Alfonso, Elduayen e Porta do Sol para saír en Policarpo Sanz. “Unha nova concepción da cidade”, valorou Caballero, quen garantiu “respecto total aos vestixios da historia da cidade”.

xoves, 16 xuñ 2022
Imaxe de arquivo de Abel Caballero, na unión de Policarpo Sanz coa Porta do Sol, unha das bocas do túnel.
Imaxe de arquivo de Abel Caballero, na unión de Policarpo Sanz coa Porta do Sol, unha das bocas do túnel.

Reunida na mañá deste xoves, a Xunta de Goberno Local acordou iniciar as actuacións para prolongar a actual execución do túnel baixo a Porta do Sol -cofinanciadas con fondos FEDER da Unión Europea dentro do proxecto Vigo Vertical- ata o inicio de Torrecedeira, por debaixo do Barrio do Cura. Así, a peonalización da Porta do Sol terá continuidade en Elduayen -onde xa non sairía o tráfico rodado- e no Paseo de Alfonso.

“Cremos que a peonalización de Porta do Sol ten que continuar no Paseo de Alfonso e isto significa que o túnel, en lugar de emerxer na rúa Elduayen, ten que saír en Torrecedeira”, explicou Caballero. Para levalo adiante, o goberno de Vigo comeza un procedemento conducente á prolongación do paso soterrado que se está a executar baixo a Porta do Sol e Elduayen, e que supón a realización de prospeccións arqueolóxicas.

Segundo avanzou o alcalde, baixo o Paseo de Alfonso existen restos da antiga muralla que circundaba a cidade. O Concello prevé realizar escavacións para delimitar a súa localización exacta e contar “con todos os informes arqueolóxicos precisos para que o túnel evite a muralla”, actuando en consecuencia “co respecto absoluto a todos os restos arqueolóxicos”.

A pretensión municipal é facer compatible o túnel cos vestixios existentes, para o que se valerá dos estudos arqueolóxicos pertinentes, resultado das escavacións que se realizarán. Así, o paso rodado inferior conectaría Policarpo Sanz co inicio da rúa de Torrecedeira, liberando do tráfico a Porta do Sol, Elduayen e o Paseo de Alfonso. “Unha nova concepción da cidade”, valorou Abel Caballero: “Continuamos peonalizando, dando calidade de vida, permitindo o desenvolvemento do comercio e da hostalería, e co respecto total á arqueoloxía e aos vestixios da historia da cidade”, concluíu.

Descargar todas as imaxes