Escoitar

O Concello prolonga ata 2025 o apoio ao comedor da Esperanza, con 219.000 euros

Segundo avanzou Abel Caballero este mércores, o goberno local validará o texto co que achegará 54.750 euros anuais desde este 2022 ata o 2025. O alcalde puxo en valor que o Concello, que ademais dispón do municipal de Marqués de Valterra, é o principal respaldo económico dos comedores sociais da cidade, aos que adica este ano 336.000 euros.

mércores, 4 mai 2022
Abel Caballero, este mércores en rolda de prensa.
Abel Caballero, este mércores en rolda de prensa.

A Xunta de Goberno Local aprobará este xoves o convenio de colaboración coa Fundación Casa da Caridade – Fogar San Xosé para cooperar co financiamento do seu comedor social “A esperanza” e da unidade de hixiene asociada ao mesmo.

Así, e tal e como adiantou este mércores Caballero en rolda de prensa, o Concello ratificará un acordo polo que se compromete a achegar 219.000 euros ata 2025, a razón de 54.750 euros anuais durante os catro exercicios. Este comedor, destacou, ofrece ademais servizos de duchas e roupeiro para homes e mulleres que o precisen.

O acordo “é o mesmo que viñamos facendo nos últimos anos”, recordou Caballero, mais, co convenio a catro anos, “mantemos de forma estable unha importante colaboración co comedor social da Esperanza”.

O alcalde salientou que no Concello de Vigo “somos os principais financiadores de todos os comedores sociais de Vigo”, cunha transferencia económica anual de 336.000 euros. Ademais dos case 55.000 euros do comedor da Esperanza, a administración local viguesa destina 10.000 euros máis ao comedor de A sal da terra, 60.000 euros a AFAN, 57.000 euros á Fundación Santa Cruz, 45.000 euros a Vida Digna, 26.000 euros a Misioneiros do Silencio e 83.000 euros ao Banco de Alimentos.

“Ademais está o comedor do Concello, no albergue municipal de Marqués de Valterra, que este ano vai pasar a un orzamento de 1,1 millóns de euros, subirémolo desde 785.000 a 1,1 millóns de euros”, manifestou o alcalde.

Axudas de emerxencia

Por outra banda, Caballero informou das axudas de emerxencia concedidas esta semana, na reunión celebrada o pasado martes. Son 99 apoios económicos por case 16.000 euros dos que vinte catro servirán para o pago de alugueiros con algo máis de 8.000 euros de importe asignado. “A maior contía, de largo, das axudas de emerxencia é para pagar alugueiros”, manifestou Caballero, o que significa que “vinte catro familias puideron pagar o seu alugueiro e polo tanto non van ser obxecto de desafiuzamento”.

Ademais, correspondente a esta semana, o Concello entregou catorce axudas de emerxencia para abonar gastos de auga, outras trinta e oito para electricidade, cinco para gas e outras dez, para alimentación.

Descargar todas as imaxes