Escoitar

O goberno de Vigo lanza o seu programa de educación ambiental: rutas, hortas e voluntariado

O alcalde presentouno este venres en rolda de prensa. O Concello retoma os percorridos medioambientais do Camiño a Camiño con sete saídas entre marzo e maio. Tamén este mes volven os traballos as hortas urbanas municipais e os cursos de iniciación ao voluntariado ambiental.

venres, 4 mar 2022
Abel Caballero, este venres en rolda de prensa.
Abel Caballero, este venres en rolda de prensa.

No Camiño a Camiño participaron xa máis de 13.000 persoas, explicou o alcalde, desde o inicio desta iniciativa, que programa novas saídas desde este mes. Están previstas 7 actividades durante o período 13 de marzo – 8 de maio. Tamén está previsto incrementar o número de participantes en cada percorrido, subindo a 150 por etapa.

Durante o mes de marzo abordaranse as sendas azuis de Vigo, que poñen en valor os recursos naturais a carón do curso baixo do río Lagares e da costa de Vigo, onde dispomos dun total de 56 areais, moitos deles catalogados con Bandeira Azul pola calidade das augas de baño e servizos asociados. Particularmente faranse tres traxectos: senda azul do Lagares-Canido (13 marzo), senda entre Cabo Estai e Bouzas (20 marzo) e senda litoral e do monte da Guía (27 de marzo).

Durante os tres domingos ordinarios de abril vaise levar a cabo unha experiencia interesante de circular polo camiño histórico que unía Tui e Vigo e que en moitos casos coincide cos camiños reais ou estradas da antigüidade. Estes camiños sempre eran coherentes coa orografía e ca paisaxe da época e permiten coñecer de preto a bisbarra de Vigo dado que se vai circular por algúns dos espazos naturais máis conservados de lugares como Couso, Vincios e Comesaña.

Para rematar cos percorridos, o 8 de maio terá unha clásica travesía urbana entre Bembrive e Coruxo, pasando por Castrelos, na que se combinará o camiño do románico de Vigo cos hábitats dos afluentes do Lagares.

En definitiva, comprobarase durante as sete etapas previstas como se combina o hábitat no espazo periurbano de Vigo e como a día de hoxe se dispoñen de “oasis” naturais de gran valor ecolóxico.

As hortas urbanas iniciarán a partir de mediados de marzo os preparativos para arrancar coas plantacións de primavera, nas que como todos os anos plantaranse tomates, pementos, cebolas, berenxenas, leitugas, raviños, cabaciños, apio, espinacas, etc.

As actividades realízanse en Navia, Pedro Alvarado, Fontáns, Ramón Nieto, Sardomela e Camelias. En total están dispoñibles 13.000 m2 de superficie para esta actividade.

Para acceder ás hortas escola están previstos dous Cursos básicos de hortas urbanas. Celebraranse nas propias hortas entre o 15 e o 17 de marzo, de 16:30 a 18:30. A inscrición pódese realizar no 010 (986 81 02 60 para móbiles) entre o luns e o mércores da semana da actividade, así como na propia horta.

A participación nos programas de educación medioambiental complétanse coa posibilidade que teñen todos os veciños e veciñas de Vigo de colaborar nas políticas medioambientais desenvoltas dende o Concello e Vigo no Programa de voluntariado medioambiental.

Para esta primavera está previsto desenvolver labores de recuperación do Monte da Guía e nos Montes de Vigo, realizando entre outras labouras a erradicación de acacia negra e eucalipto en zonas de interese público, limpeza de espazos protexidos, así como labouras de mantemento e limpeza dos sendeiros locais. Estas tarefas realízanse os sábados pola mañá, así como martes e xoves pola tarde.

Proseguirase tamén co paseo dos cans do Refuxio de animais abandonados de Vigo, que se realiza todos os mércores pola mañá, así como actividades de voluntariado en Vigozoo, os xoves pola tarde.

Para poder participar no programa é preciso realizar o Curso de iniciación ao voluntariado medioambiental previsto o xoves 17 de marzo, de 16:30 a 18:30, e o sábado 19 de marzo, de 10 a 13h. Para inscribirse hai que chamar ao 010 (986 81 02 60 para móbiles) entre o luns e o mércores da semana da actividade.

Toda a información relativa ao programa e aos detalles do mesmo atópase na web da Concellería de Medio Ambiente e no blog: caminoacaminovigo.blogspot.com. O proceso de inscrición realizase a través do 010 (986810260 se se chama dende móbil).

Descargar todas as imaxes