O Concello aproba “en doce días” o proxecto de urbanización de Navia e urxe o instituto
O alcalde anunciou que o primeiro plan remitido pola Xunta será validado a próxima semana, menos de dúas semanas despois da súa entrada no Concello. Contrastouno cos prazos autonómicos, afirmando que a primeira versión deste proxecto foi remitida pola Xunta en abril do ano pasado, doce anos despois da chegada de Feijóo á presidencia. Ademais, Caballero envía outro escrito demandando novamente a construción dun instituto en Navia.
Abel Caballero recordou que a versión inicial do proxecto que o Concello aprobará a semana que vén foi remitido pola Xunta de Galicia en abril de 2021. O goberno de Vigo fixo as súas correccións e enviouno de volta a Santiago, e a pasada semana, afirmou o alcalde, entrou na administración local viguesa o proxecto definitivo.
Así, o alcalde comparou os prazos entre ambas administracións e asegurou que Núñez Feijóo foi elixido presidente da Xunta de Galicia no 2009, polo que tardou doce anos en enviar o primeiro borrador do plan para Navia -ata abril de 2021-. Pola contra, o goberno de Vigo recibiu a pasada semana o documento definitivo e a próxima vai ratificalo inicialmente: “A Xunta tardou doce anos e nós, menos de quince días. Esa é a diferencia entre uns e outros”, manifestou Caballero.
“Os atrasos na urbanización de Navia, digan o que digan algúns, son todos da Xunta”, insistiu Caballero, quen puxo en valor a celeridade municipal: “Para ser exactos, en doce días imos darlle a aprobación ao primeiro proxecto de urbanización que envían”.
Unha vez sexa aprobado inicialmente, explicou o rexedor. a planificación para a ampliación de Navia sairá a exposición pública e os interesados contarán cun prazo para presentar alegacións. Estas serán remitidas polo Concello á Xunta de Galicia, que terá que resolvelas e, no seu caso, modificar o texto antes de remitilo novamente a Vigo para a súa aprobación definitiva.
Instituto
O alcalde mantivo este xoves a presión sobre o goberno autonómico para a construción desta infraestrutura educativa. Desta volta, Caballero anunciou o envío dunha nova carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insistindo na necesidade de erixir un instituto, para o que o Concello propón a sinatura dun protocolo que comprometa ao Concello a ceder o solo e á Xunta de Galicia, a levantalo e poñelo en funcionamento.
Hai dous anos, en febreiro de 2020, o alcalde remitira un escrito cun borrador de protocolo a Núñez Feijóo. “¿Resposta? Ningunha”, censurou Caballero este luns: “Pasaron dous anos e a Xunta segue sen responder”. O goberno de Vigo incide na urxencia actual da dotación, que “non depende da ampliación de Navia, o necesita o Navia actual”, explicou Caballero, xa que o alumnado residente alí ten que desprazarse ata Valladares.