O alcalde rexeita a “politización total” do Padroado do Ifevi
Abel Caballero amosou este xoves o seu rexeitamento aos cambios promovidos pola Xunta de Galicia no Padroado do Recinto Feiral que van supoñer que o goberno autonómico teña nove representantes e os demais membros xuntos sumen soamente cinco.
“A Xunta de Galicia toma o control” e designa aos seus nove novos representantes; “entra arrasando, tirando con todo”, censurou, quedando a representación do Padroado con nove representantes da Xunta, o presidente da Cámara de Comercio, o presidente da Confederación de Empresarios, 1 representante do Concello, 1 da Deputación de Pontevedra e 1 da Mancomunidade de municipios. “A Xunta ten nove e tódolos demais membros xuntos temos cinco”.
Con todo, apunta o alcalde olívico, “o máis grave é os nove representantes que nomea”, citando que se trata do director xeral de Comercio e Consumo, a delegada da Xunta en Vigo, secretario xeral para ou Deporte, o secretario xeral de Cultura, o director xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, a directora da Axencia Galega de Turismo, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, a directora xeral de Administración Local e o director da área de Internacionalización do IGAPE. “Todos cargos políticos da Xunta; politización total, son todos cargos políticos da Xunta”, denunciou.
Así Caballero rexeita que non se nomeen empresarios, persoas relacionadas co mundo do comercio, expertos en áreas e institutos feirais ou representantes do mundo do naval, da industria do automóbil ou da universidade.
Ademais, o rexedor rexeita que o Ifevi “lle regale á Xunta as dúas grandes naves, a 3 e a 5” para instalar dotacións deportivas. Eses pavillóns, apunta, “son do Ifevi, o que supón a súa “descapitalización” e advertiu que levará aos tribunais ao goberno autonómico por esta decisión.
Arborado da Gran Vía
O alcalde deu conta este xoves dos traballos de transplante de arborado do bulevar da Gran Vía por mor das obras que se están realizando para instalar as ramplas mecánicas. Trátase de 28 camelias e laranxeiras: 14 camelias plantaranse no monte do Castro, 7 laranxeiras no parque de Castrelos e os outros 7 irán ao viveiro municipal do Castro para a súa recuperación. Segundo o informe técnico do que dispón o goberno municipal, as laranxeiras están infectadas por unha praga chamada Psila, tipificada como grave pola Consellería de Medio Ambiente; as 14 camelias presentan tamén unha patoloxía seria: a Ciborinia camelliae, que recomenda a retirada e curación.
En total, serán retiradas 36 árbores da Gran Vía xa que o informe técnico recomendou talar aquelas con risco inmimente de colapso, e vanse plantar 130 amais de centos de arbustos e plantas baixas polo que “faremos un grande xardín botánico na segunda fase das ramplas da Gran Vía”.