Vigo reclama 6 millóns de euros á Xunta para humanizar as estradas da súa titularidade
Co voto a favor de tódolos grupos municipais agás a abstención do PP, o Pleno Municipal aprobou este mércores a moción socialista na que se demanda ao goberno autonómico dotación orzamentaria para mellorar as PO-325, PO-330 e PO-552.
Javier Pardo, edil da área de Fomento, expuxo na defensa da moción a “transformación histórica da cidade grazas á política de humanizacións” realizada polo goberno municipal con máis de 1.000 rúas atendidas. Con todo, apuntou, que este cambio non se acompaña coas mesmas actuacións por parte da Xunta de Galicia nas vías de titularidade autonómica, o que supón “unha clara discriminación na calidade de vida da veciñanza” desa contorna. Así, reivindicou a obriga da Xunta para atender un plan de humanizacións nas estradas autonómicas PO-325, PO-330 e PO-552 cunha dotación nos Orzamentos de 2022 de 6 millóns de euros.
5 millóns de euros para as pistas de Balaídos
A Corporación Municipal deu luz verde á moción socialista na que se insta á Xunta de Galicia a consignar unha partida orzamentaria por importe de 5 millóns de euros nos seus Orzamentos de 2022 co fin de abordar a actuación de mellora das pistas deportivas de atletismo en Balaídos. Recibiu o apoio do grupo mixto mentres se abstiveron os populares e o concelleiro non adscrito.
O edil de Deportes, Manel Fernández, apuntou na súa exposición que, no ano 2010, a Xunta de Galicia comprometérase co Concello a asinar un convenio co que investiría 4,8 millóns de euros para mellorar e modernizar o complexo deportivo, un acordo “incomprensiblemente incumprido”. Posteriormente, en 2016, o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia comprometeuse a dedicar 2,3 millóns de euros para a reforma das pistas, pero tampouco se fixo. Ao longo desde 11 anos, apunta o concelleiro, a actuación nas pistas fíxose máis necesaria polo que a Xunta “debe asumir dunha vez por todas a actuación” comprometida neste complexo que responde ás necesidades do atletismo “vigués e galego”.