A Corporación pide máis recursos e accións contra as violencias machistas
O Pleno aprobou este mércores unha moción que insta ao goberno de Vigo a “reforzar os medios e accións que o Concello desprega” na materia e demanda á Xunta de Galicia máis fondos ao efecto e ampliar a rede de Centros de Información ás Mulleres. Tamén se solicita protocolos específicos de atención á violencia sexual.
O texto foi presentado polo edil nacionalista Xabier Pérez Igrexas e obtivo o apoio de todos os grupos con representación municipal salvo do Partido Popular, que se abstivo na votación.
Os acordos adoptados requiren actuacións por parte dos gobernos local, autonómico e estatal. No caso do Concello, o texto solicita “alargar e reforzar os medios e accións que o Concello de Vigo desprega en contra das violencias machistas, aumentando de maneira substancial os esforzos nos ámbitos da sensibilización social e poñendo en marcha medidas adicionais para o apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero para enfrontar o aumento dos casos de agresións sexuais e violacións”. Por outra banda, solicítase que a cidade se dote “dun protocolo contra as agresións sexuais tanto en eventos públicos como nos espazos de lecer nocturno e a instalación de ‘puntos violeta’ para a atención, información e asistencia nos actos públicos”.
No caso do goberno autonómico, os acordos aprobados demandan da Xunta de Galicia tres cuestións. En primeiro lugar, “o incremento dos recursos económicos destinados específicamente a loitar contra a violencia de xénero do proxecto de orzamentos de 2022 de forma que se sitúen, como mínimo, no 1% do total”. Despois, “o reforzo e ampliación da rede de Centros de Información ás Mulleres para garantir a cobertura do conxunto do territorio” e, “para tal fin, a Xunta de Galicia elaborará a remitirá á Cámara galega e á FEGAMP antes de finalizar o presente ano un Plan específico debidamente orzamentado e coa correspondente planificación temporal para levalo a cabo”. En terceiro lugar, “o desenvolvemento dun protocolo específico de atención á violencia sexual, con especial atención ao ámbito xudicial, así como a promoción dun programa específico de formación en materia de violencia sexual para todos os ámbitos profesionais que traballan na prevención e atención da violencia machista (sanitarios, policiais, administrativos e xurídicos, educativos, administración local...)
A moción inclúe un sexto e último punto aprobado polos concelleiros e concelleiras municipais este mércores, no que se require tanto da Xunta de Galicia como do Goberno de España “o despregamento de medidas concretas e verdadeiramente eficaces fronte a violencia contra as mulleres no ámbito laboral, especialmente presente nos sectores máis feminizados”.