A Corporación insta de forma unánime á Xunta a financiar a nova escola infantil da Praza da Industria
A moción socialista acadou a unanimidade dos grupos no seu reclamo de financiamento íntegro ao goberno autonómico da nova dotación educativa, cos fondos que recibirá do Goberno de España.
Tal e como expuxo o concelleiro de Educación, Gorka Gómez, a Xunta de Galicia recibirá do Goberno central 34.845.042 millóns de euros para a creación de 3.417 prazas públicas de educación infantil de 0 a 3 anos na comunidade autónoma entre os anos 2021 e 2023.
A Corporación demanda así, que a nova escola infantil municipal, que xa ten iniciados os trámites e que estará situada na Praza da Industria dando servizo a máis de 70 familias, se financia a través destes fondos do Plan de Recuperación do Goberno de España. O Concello ten iniciados xa os trámites para a creación do novo centro.
Gorka Gómez censurou a actuación da Xunta de Galicia en materia de educación infantil, apuntando que a última escola creada na cidade data do ano 2021 cando, nese mesmo período de tempo, os gobernos de Abel Caballero abriron cinco novas escolas infantís: Navia, Mestres Goldar, Tomás Alonso, Bouzas e Bembrive. Con todo, a oferta segue a ser insuficiente para atender as necesidades educativas da cativada e as necesidades de conciliación das familias.