Escoitar

O Concello e Ecoembes achegan ao Fogar e Clínica San Rafael, AGASFRA e APAMP as doazóns dos vigueses a través de RECICLOS

Abel Caballero agradeceu en rolda de prensa as doazóns que a cidadanía fixo ao reciclar as súas latas e botellas de plástico de bebidas a través deste Sistema de Devolución e Recompensa, que permitirán as tres organizacións levar a cabo diversos proxectos de carácter social na cidade de Vigo. Os puntos obtidos agora servirán de axuda para a Asociación Down Vigo e aos afectados polo volcán de La Palma

venres, 5 nov 2021
O alcalde e os responsables de Ecoembes coas asociacións beneficiadas do programa RECICLOS
O alcalde e os responsables de Ecoembes coas asociacións beneficiadas do programa RECICLOS

O alcalde e os responsables de Ecoembes fixeron hoxe unha entrega simbólica das doazóns que a cidadanía de Vigo realizaron ao Fogar e Clínica San Rafael de Vigo, a Asociación Galega San Francisco (AGASFRA) e á Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP) ao reciclar a través de RECICLOS, un Sistema de Devolución e Recompensa que incentiva a reciclaxe mediante contribucións de carácter social e sostible.

Desta forma, os vigueses e viguesas decidiron doar a estas tres organizacións os puntos que obtiveron ao reciclar as súas latas e botellas de plástico de bebidas deste xeito. Caballero, e o portavoz de Ecoembes en Galicia, Bruno de Llano, quixeron agradecer ás tres asociacións e aos propios vigueses e viguesas o seu compromiso co medioambiente a través destes proxectos sociais.

Segundo explicou o rexedor en rolda de prensa, o Fogar e Clínica San Rafael de Vigo realizará diversas accións formativas e de rehabilitación con persoas con discapacidade intelectual; AGASFRA poderá continuar co seu labor de inclusión a persoas con discapacidade intelectual e/ou do desenvolvemento e as súas familias; e APAMP realizará distintas actividades destinadas a conseguir a igualdade de oportunidades e a defensa dos dereitos das persoas con parálise cerebral.

En Vigo xa son 1.206 os contedores amarelos RECICLOS nos que pódense reciclar envases e obter recompensas ao facelo. Nestes momentos, os vigueses poden seguir doando os seus puntos para contribuír, neste caso, coa Asociación Down Vigo e aos afectados polo volcán da Palma.

O alcalde e os responsables de Ecoembes coas asociacións beneficiadas do programa RECICLOS
Descargar todas as imaxes