O goberno local reforza o Vigo Educa con máis desprazamentos para 42.000 alumnos
Suspendido durante o Covid, o Concello retoma este programa educativo que busca que o alumnado vigués coñeza ámbitos culturais, empresariais, históricos e arquitectónicos da cidade, explicou Caballero. Este curso, Vigo aumenta as saídas ata as 835, 200 máis que na última edición.
O alcalde asegurou que o orzamento do Vigo Educa ascende a 175.000 euros, un programa que leva a alumnado de centros de Primaria, Secundaria, Bacharelato, Educación Especial e ciclos formativos a sedes de interese da cidade. Para o novo curso, o Concello agarda que 42.000 alumnos e alumnas tomen parte en algunha das 835 saídas previstas: “Estamos reforzando de forma moi notable o programa Vigo Educa”, valorou Caballero.
A institución local encárgase do custo íntegro do desprazamento, indicou Caballero. Entre os lugares a coñecer, sedes culturais e museísticas da cidade, o Auditorio Mar de Vigo, plantas como a de Stellantis en Balaídos, xacementos arqueolóxicos, o Casco Vello, a fortaleza do Castro, bibliotecas, a Universidade, VigoZoo ou a Fundación Sales.
Subvencións
En rolda de prensa, o alcalde deu conta de dúas subvencións aprobadas recentemente pola Xunta de Goberno Local. En primeiro lugar, Caballero informou dunha achega de 8.000 euros á Agrupación Fotográfica Galega pola organización da vixésimo quinta edición do Maratón Fotográfico de Vigo, celebrada a finais do mes de setembro e que culminará cunha exposición dunha selección das obras presentadas.
Por outra banda, o Concello de Vigo acordou conceder un apoio de case 6.800 euros á Asociación Premios da Crítica de Galicia para a XLIII edición dos seus galardóns, cos que recoñecen labores individuais ou colectivas en diversos ámbitos da creación cultural e de investigación.