Escoitar

Caballero dá o pistoletazo de saída á temporada viguesa de carreiras populares en asfalto

O alcalde de Vigo presentou este venres en rolda de prensa a Media Maratón de Vigo, este domingo (10:00 horas dende O Vao), que se desenvolve xunto á 10K Alejandro Gómez, que aproveitará parte do percorrido da Media. Comeza tamén a temporada atlética urbana 2021-22.

venres, 5 nov 2021
O alcalde na presentación con David Suárez, organizador, e con Manel Fernández, edil de Deportes
O alcalde na presentación con David Suárez, organizador, e con Manel Fernández, edil de Deportes

"Retomamos o running e esta é a principal noticia: logo da pandemia e de tanto tempo, iniciamos outra vez ese deporte tan extraordinario que é o running, e nada menos que coa Media Maratón de Vigo e os 10K de Samil", dixo o rexedor.

Caballero felicitou á empresa Diesemm por asumir a organización desta proba e, en particular, a David Suárez, o seu principal responsable. "É a primeira gran proba que se fai e unha das representativas", subliñou Suárez, quen anunciou unha participación "limitada a 1.200 atletas" para seguir cumprindo protocolos sanitarios, axilizar entregas de dorsais, gardarroupa e evitar aglomeracións. De feito, na saída e na chegada será obligatorio o uso de máscara.

A media (21.097,50 metros) comezará ás 10:00 horas na praia do Vao, fronte ao campo de fútbol do Coruxo FC. Para sesenta minutos despois está fixado o inicio da 10K Alejandro Gómez, dende a praia dos Olmos, en Samil. "É unha homenaxe que lle tiñamos que facer", sostivo o organizador. Os 10.000 metros formarán parte tamén do percorrido da media maratón, que contempla o paso polo Vao, Samil, Alcabre, Beiramar, túneis, Areal e Praza de Compostela, para rematar diante do Náutico.

Dende a organización resaltaron que un 30% das inscricións son de fóra de Galicia, o que fomenta "o turismo deportivo".
As dúas últimas carreiras pedestres en Vigo, antes da pandemia, disputáronse o 1 e 7 de marzo de 2020 (10K de Teis e VII Contrarreloxo por equipos).

Descargar todas as imaxes