Abel Caballero urxe ao Parlamento e ao Goberno de España a reformar a norma que rexe o imposto de Plusvalía
“É urxente a reforma da Lei para garantir a seguridade xurídica de concellos e cidadáns”, declarou en rolda de prensa. "Para Vigo supón cerca de 10 millóns de euros", subliñou.
O presidente da FEMP, Abel Caballero, urxiu ao Parlamento e ao Goberno de España a reformar a norma que rexe o imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana, máis coñecido como de Plusvalía, para garantir a seguridade xurídica de cidadáns e gobernos locais, e anunciou que, tan pronto se faga pública a Sentenza do Tribunal Constitucional, analizarase o seu contido e, na Xunta de Goberno da FEMP, “tomaremos as nosas propias decisións de demanda para as Administracións” polas perdas de recadación.
Ao seu xuízo, e en espera de coñecer a sentenza con detalle, o adianto da mesma coñecido onte vén a anular o mecanismo de cálculo do imposto, “o que imposibilita a súa aplicación” e “significa que as finanzas municipais sofren unha moi forte deterioración”, que calculou nuns 2.500 millóns de euros anuais. Esta diminución resulta especialmente grave agora porque, dixo, “estamos nun momento post pandemia no que as entidades locais estamos a asumir gastos que non nos corresponden”.
Caballero lembrou que, xa desde o comezo do seu mandato na FEMP, en 2015, viña pedindo unha reforma desta lei, e insistiu na necesidade de que esa reforma sexa “xusta para a cidadanía” e, “como é natural da forma máis rápida posible para os efectos das facendas dos concellos”. Así mesmo, amosou “a nosa cooperación total desde a FEMP co ministerio de Facenda, co Goberno de España e co Parlamento”