Vigo ampara un desenvolvemento urbanístico no Calvario de 5.300 metros cadrados
O Pleno aprobou definitivamente este mércores o Instrumento de Ordenación Provisional para un ámbito delimitado pola Avenida Martínez Garrido e as rúas Sagunto, Valladolid, Segovia e Burgos, que conta con parcelas vacantes. O obxectivo é “resolver e dar resposta legal” a actuacións nunha zona “que necesita de rexeneración urbana”, segundo explicou Caride.
A tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo defendeu “recuperar” este espazo con solares baleiros a través do IOP, o Instrumento de Ordenación Provisional, cuestión que foi ratificada definitivamente este mércores pola Corporación. María José Caride indicou que a proposta dispón de todos os informes favorables para a súa validación e non recibiu alegación algunha durante o período de exposición pública. A finalidade, engadiu, é “permitir que se desenvolva unha zona que necesita rexeneración urbana”.
A votación non rexistrou ningún voto en contra. Todos os e as edís apoiaron a proposta salvo os dous de Marea, que se abstiveron. O concelleiro non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, mostrouse a favor da iniciativa, viu “positivo” que se posibilite un desenvolvemento “ordenado e racional” para “compactar” a cidade e demandou estender o modelo tamén a barrios e parroquias. Ao respecto, María José Caride explicou que “centos de vivendas unifamiliares se fixeron grazas ao Instrumento de Ordenación Provisional”.
Pola súa banda, o voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez Correa, manifestou o seu apoio a “completar a zona” en cuestión e argumentou a abstención do grupo pola “arbitrariedade” do uso da IOP, mentres que o PP considerou “surrealista” ter que recorrer a este instrumento para edificar en solo urbano consolidado, exemplo da “chapuza, falta de rigor e incompetencia á hora de aprobar un PXOM que é unha aberración”, en opinión de Marnotes.
Sobre o Plan Xeral, a tenente de alcalde informou de que, ata o momento, 680 persoas solicitaron cita presencial para coñecelo e resolver dúbidas, das que 445 xa foron atendidas. O documento recibiu 35 alegacións, 14 por vía telemática. “Estamos encantados de que a xente axude a mellorar o Plan”, respondeu María José Caride, contra a visión de “reproche” do Partido Popular.