Escoitar

O alcalde valora o “enorme éxito” do festival TerraCeo

A segunda edición do programa de concertos celebrado entre os meses de maio e setembro, na terraza do Auditorio Mar de Vigo, reuniu arredor de 24.000 espectadores en 54 concertos.

venres, 8 out 2021
Abel Caballero no concerto de Anni B Sweet no festival TerraCeo
Abel Caballero no concerto de Anni B Sweet no festival TerraCeo

Abel Caballero apuntou que o Terraceo sumou 10.000 espectadores máis que en 2020 converténdose “nunha gran referencia dos festivais xa non só en Galicia senón tamén en España” e cos datos rexistrados “conseguimos volver estar nas rutas culturais, na música e nos concertos de toda España”.

Así, apuntou que a ocupación media foi do 90% do aforo “practicamente ocupación total”, quedando esgotadas en horas as entradas para concertos como os de Baiuca, Taburete, Sidonie, A Ben Querida ou Carlos Sadness.

Amais, 19 dos grupos participantes eran de Vigo, un dato “significativo” para o alcalde que “pon de manifesto que estamos facendo mobilización cultural dos grupos da cidade, a aposta por bandas e solistas locais foi unha das claves deste grande festival”.

En canto ao impacto económico na cidade, o maior número de concertos incrementou o impacto económico do festival, xa que en cada evento participa un equipo de 25 persoas que sumaron máis de 1.300 xornadas de traballo.

O rexedor engadiu que o Terraceo xerou moitas pernoctas na cidade e sobre a presenza en redes sociais, as publicacións do Festival foron vistas máis de dous millóns de veces.

 

Descargar todas as imaxes