O Concello abre este mércores a exposición pública do novo Plan Xeral
O anuncio de aprobación inicial do PXOM sairá publicado nos xornais este luns e o mércores (xa que o martes é festivo) arrancan os tres meses de información pública. Abel Caballero informou da apertura dunha oficina no Mar de Vigo para consulta e resolución de dúbidas cos técnicos, con cita previa.
Vigo continúa dando pasos cara a aprobación definitiva do seu novo planeamento urbanístico. O alcalde anunciou este venres o inicio da exposición pública, tres meses nos que a cidadanía pode consultar o documento e, de consideralo, presentar as súas alegacións. O anuncio de aprobación inicial do novo Plan Xeral foi remitido xa para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e este luns sairá publicado nos xornais.
Na práctica, explicou Caballero, este trámite significa a apertura efectiva do prazo de información pública, que se amplía a tres meses (o estipulado legalmente son dous) a contar desde este mércores, 13 de outubro. “Queremos que se faga sen présas, con sosego e que todo o mundo poida acudir no prazo de tres meses”, argumentou Caballero.
Ademais de poder consultalo na web municipal, o goberno de Vigo habilitou un espazo físico no baixo do auditorio Mar de Vigo -próximo ao lugar de venda de entradas- no que consultar o Plan. Aberto de luns a venres en horario de mañá, de 9 a 14 horas, o local está equipado cos medios para coñecer o PXOM e, só no caso de precisar apoio dos técnicos municipais ou do equipo redactor do PXOM alí presente para resolver dúbidas ou obter atención personalizada, é imprescindible solicitar unha cita previa, ben a través da web municipal ou chamando ao teléfono 986616388.
As alegacións poden presentarse de forma telemática ou en calquera rexistro, como marca a lei, e tamén no rexistro auxiliar que o Concello instalará na propia oficina da planta baixa do Mar de Vigo.