Escoitar

Caballero demanda "máis presenza" institucional dos concellos e unha segunda descentralización de competencias e recursos

O presidente da FEMP foi o convidado de honra na conmemoración do 211 aniversario das Cortes Xerais e Extraordinarias reunidas en San Fernando no ano 1810. O acto organizado polo municipio gaditano e presidido pola súa alcaldesa, Patricia Cavada, celebrouse no Real Teatro das Cortes.

venres, 24 set 2021
Abel Caballero pronuncia o seu discurso no Real Teatro das Cortes de San Fernando
Abel Caballero pronuncia o seu discurso no Real Teatro das Cortes de San Fernando

O alcalde apuntou a necesidade de "situar aos concellos no lugar que ocupan na realidade do século XXI", e lamentou que aínda que son o núcleo da vida da cidadanía e por iso xogan un papel relevante, as entidades locais non teñen voz, nin un foro ou unha presenza institucional forte como si teñen outras administracións, o que se exemplifica en que apenas teñen presenza na Constitución de 1978 con tres artigos. “Os concellos pedimos máis presenza”, dixo hoxe durante o seu discurso.

Como puxo de relevo, "os concellos somos entidades interterritorialmente vertebradoras. Os concellos vertebramos España. Concellos de diferente cor política, de diferente tamaño e de diferentes territorios de España compartimos unha forma de actuar en política onde a atención directa e próxima á cidadania deriva na principal manifestación da acción pública municipal. Os cidadáns, o diálogo con eles e a atención ás súas demandas, asentan as nosas prioridades, o que non sucede noutros ámbitos da administración".

Por este motivo, o presidente da FEMP apuntou a necesidade desa "segunda descentralización de competencias e recursos" que beneficie ás entidades locais, o que vai da man dun novo modelo de financiamento que permita ás cidades contar cos recursos necesarios e suficientes para desenvolver esas novas funcións e para facer fronte a todas as actuacións que levan a cabo mesmo sen ter as competencias. Como exemplo diso, lembrou hoxe que “durante a pandemia, fomos os concellos os que mantivemos as cidades en funcionamento, o que se fixo foi á conta dos concellos”, á vez que engadiu que “non temos os mecanismos de defensa fronte ás agresións á economía local”.

Caballero tamén apuntou que no marco desa nova descentralización debe desenvolverse unha nova relación coas cidades e cos novos retos que se marcan con elas de protagonistas en ámbitos como o medio ambiente, as praias, a economía circular, a sanidade, a educación ou as políticas sociais. “É necesario un cambio absoluto”, engadiu.

Caballero non pasou por alto o importante papel que xogan os concellos na reactivación da economía tras a pandemia, e apuntou que xa hai avances substanciais no papel activo que están a ter as entidades locais na arquitectura institucional do Estado. Neste sentido, apuntou que “xa se está dando a volta a como as cidades participan na xestión dos fondos europeos de recuperación Next Generation, algo que xa empeza a ser acorde co papel real que desempeñamos os concellos". "É agora o momento da gran transformación das cidades, sobre todo neste contexto de reactivación económica", apuntou.

 

 

 

Abel Caballero pronuncia o seu discurso no Real Teatro das Cortes de San Fernando
Descargar todas as imaxes