Escoitar

O goberno de Vigo renova o programa socioeducativo para vítimas de violencia de xénero

O alcalde informou da decisión, adoptada na Xunta de Goberno Local, de prorrogar o servizo de atención social e educativa para as usuarias dos pisos municipais nos que o Concello aloxa a mulleres vítimas de violencia machista e ás persoas delas dependentes.

xoves, 23 set 2021
Imaxe de arquivo dunha sesión da Xunta de Goberno Local, celebrada este verán.
Imaxe de arquivo dunha sesión da Xunta de Goberno Local, celebrada este verán.

“Proporcionamos o apoio para que poidan desenvolver a súa vida normal, para que as súas familias, os seus fillos e fillas, poidan seguir adiante cos seus procesos de educación”, explicou este xoves Abel Caballero, quen resaltou que se trata dunha “atención integral” ás mulleres prestada desde o Concello de Vigo.

A administración local viguesa conta cunha rede municipal de vivendas de protección para vítimas de violencia de xénero composta por tres pisos e quince vacantes en total. Nestas casas se acollen ás mulleres (e fillos e/ou persoas dependentes) que carecen de recursos económicos e persoais para afrontar a situación de ruptura co agresor.

Durante a súa estadía, o Concello de Vigo presta unha atención multidisciplinar orientada á recuperación da súa autonomía. Parte desta función desenvólvese co programa aprobado polo goberno local, que dota ás familias das ferramentas necesarias para encarar con éxito a súa nova vida. “A nosa vocación de atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero é total, estamos facéndoo e seguiremos facéndoo”, concluíu Caballero.

Descargar todas as imaxes