Escoitar

O Concello instala este sábado a pasarela que unirá a senda verde con Vía Norte

Abel Caballero explicou que os traballos comezarán xa o venres, cun corte de tráfico para preparar unha operativa “complicada”. Esta unión, de 51 metros, forma parte da segunda fase da obra de construción da vía peonil e ciclista sobre antigo trazado ferroviario, desde o Vialia ata Teis.

mércores, 22 set 2021
En novembro de 2020, xunto con María José Caride e Javier Pardo, o alcalde visitou o punto desde o que partirá a pasarela que conectará Vía Norte coa senda verde.
En novembro de 2020, xunto con María José Caride e Javier Pardo, o alcalde visitou o punto desde o que partirá a pasarela que conectará Vía Norte coa senda verde.

A senda verde “cobra corpo”, en verbas do alcalde, coa chegada e instalación esta fin de semana dun viaduto que a conectará coa Vía Norte e a praza superior do Vialia. A complexidade da obra require de dous días de peche ao tráfico da Vía Norte, entre Escultor Gregorio Fernández e Párroco José Otero (con acceso exclusivo para garaxes, servizo público e carga e descarga), desde o venres ás 10:00 horas. A previsión é ter finalizada o sábado a colocación da pasarela, de tal forma que o domingo se recupere o tráfico con normalidade na zona.

“Seguimos adiante cunha das grandes obras da cidade”, valorou este mércores Abel Caballero, quen recordou que o orzamento para esta segunda fase da obra roza os tres millóns de euros. O primeiro tramo da vía verde, de preto de medio quilómetro de lonxitude, abriuse hai dous anos e o Concello completa agora o trazado ata o límite da cidade con Redondela, dotándoo ademais dunha conexión co centro a través da rúa Navarra e da Vía Norte.

Coa vía verde, o Concello está a recuperar o antigo percorrido do tren en superficie como senda peonil e ciclista, desde a estación ata o municipio limítrofe de Redondela. Nestes preto de catro quilómetros de traxecto, Vigo incorporará áreas de descanso, miradoiros, zonas de xogos infantís e áreas biosaudables para os maiores, novo mobiliario urbano, un circuíto de adestramento ao aire libre e plantacións de arborado. O proxecto vigués conserva parte da orixe ferroviaria, mantendo a sinalización, tramos dos raís e outros elementos como a catenaria, onde vai ser instalada a iluminación.

Un dos obxectivos do goberno presidido por Abel Caballero é dotar á nova senda de distintos puntos de acceso e saída ao longo de todo o itinerario. Así, ademais da entrada a través da pasarela da Vía Norte, o Concello colocará unha rampla á altura da rúa Buenos Aires de cento cincuenta metros de lonxitude e abrirá outras conexións coas rúas Coutadas, Xuncal, camiño da Vía, camiño da Ferrería, Avenida de Galicia, Párroco don Serafín, camiño Cascalleira e camiño das Ánimas.

Descargar todas as imaxes