O Concello lanza este mércores a reserva das mil invitacións para o concerto de Los Secretos
Abel Caballero informou este martes do procedemento para acceder á actuación deste venres ás 22h en Castrelos. A web municipal activará este mércores unha ligazón á plataforma na que formalizar a solicitude das entradas, gratuítas e nominativas, que se repartirán en dous bloques: 500 desde as 10h e outras 500 desde as 18h. Haberá servizo de lanzadeiras ao remate do concerto.
A finalidade de dividir o reparto das invitacións en dous tramos horarios ao longo do día é facilitar que “todo o mundo teña a posibilidade de optar a presenciar o concerto de Los Secretos”, explicou Caballero.
O alcalde detallou o proceso a seguir para facerse cunha das invitacións. O Concello activará este mércores na web municipal unha ligazón á plataforma na que pedir un máximo de dous entradas por solicitude e sacará cincocentas ás 10 horas e outras tantas ás 18 horas. Os billetes son gratuítos e nominativos por normativa Covid, co que se esixirá o nome completo, número de DNI e número de teléfono.
Na mesma plataforma, engadiu o alcalde, será posible tramitar a reserva de praza para o servizo de lanzadeiras que o autobús urbano vigués ofrecerá ao remate do concerto. O prezo será o habitual e os usuarios da PassVigo poderán beneficiarse do desconto introducindo o seu número de tarxeta durante o proceso de compra anticipada. O acceso ás lanzadeiras será exclusivo con venda online do billete en Woutick e o percorrido que completarán será o seguinte: Castrelos, Camelias, Venezuela, Urzáiz, García Barbón, Sanjurjo Badía, Travesía de Vigo, Pizarro, Plaza de España e Gran Vía.
O histórico grupo madrileño, fundado nos anos oitenta, interpretará o mellor do seu repertorio este venres ás 22 horas, no escenario exterior de Castrelos, próximo ao anfiteatro. Para cumprir coa normativa Covid vixente, o Concello organiza un evento gratuíto para mil espectadores, que deberán estar en todo momento sentados e coa máscara posta. O recinto estará delimitado e as cadeiras, que non estarán numeradas, se ocuparán por orde de chegada.