Abel Caballero: “As bonificacións na AP-9 resolven un problema histórico da área metropolitana”
Abel Caballero mantivo unha xuntanza coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, as rexedoras de Redondela, O Porriño e Salceda de Caselas e o alcalde de Tui fronte á peaxe de Rande para valorar as bonificacións aprobadas na AP-9 polo Goberno de España.
Os mandatarios recibiron a noticia con satisfacción e cualificárona de “feito importantísimo” para a área metropolitana de Vigo. Abel Caballero considerou in situ que “isto resolve un problema histórico da área metropolitana” xa que, segundo o aprobado polo Consello de Ministros, haberá bonificación do 100% na peaxe de Rande e do 75% entre Vigo e Tui.
O rexedor de Vigo cifrou en 70 millóns o aporte do Goberno de España coas bonificacións da época de José Luis Rodríguez Zapatero e Emilio Pérez Touriño coa supresión da peaxe no Morrazo e agora a actuación de Pedro Sánchez, que supón 55 anos máis e o compromiso de mantelo ata 2048, data do fin da concesión. “No ano 2000, Aznar ampliou a concesión ata 2048. O PP ten que pedir perdón a este territorio”, sinalou Caballero, que avanzou que tamén falará das autoestradas da Xunta de Galicia “que tamén unen unha parte do noso territorio”. O alcalde puxo de manifesto que o goberno autonómico pon 600.000 euros de bonificacións fronte aos 70 millóns do Goberno de España. “Isto é a diferenza. Non pode seguir así”, sentenciou.
Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra subliñou que “é a mellor noticia da historia en mobilidade en Galicia e particularmente na provincia de Pontevedra”. Ademais, agradeceu ao goberno de Pedro Sánchez as rebaixas na AP-9 e criticou a inacción anos anteriores co goberno de Rajoy, coa ministra de Fomento, Ana Pastor e Feijóo ao fronte da Xunta de Galicia.
Ao acto acudiu tamén a primeira edil de Redondela, Digna Rivas, que puxo de manifesto a satisfacción da medida aínda que subliñou que está a traballar para que a gratuidade sexa como pedían os veciños e veciñas. Felicitou ao Goberno de España por cumprir: “Os feitos están”.
A alcaldesa de O Porriño cualificou a medida aprobada polo Consello de Ministros de “fundamental porque é unha demanda moi antiga dos empresarios dos polígonos industriais de O Porriño para ser unha alternativa real a la A-55”. Eva García de la Torre aproveitou para pedir á Xunta de Galicia que tome exemplo e acordar un bo sistema de transporte metropolitano.
Enrique Cabaleiro, rexedor tudense, apuntou á mellora da mobilidade e ao “desconxestionamento” da A-55 que “é un dos puntos máis perigosos da rede viaria española. Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda de Caselas, apuntou na mesma dirección e como a posta en marcha das bonificacións beneficiará a moitos traballadores.