Vigo admite a 366 alumnos nas nove escolas infantís do Concello
O goberno da cidade resolveu a convocatoria de acceso aos centros municipais para nenos e nenas de cero a tres anos, con 192 renovacións de praza e outros 174 novos alumnos e alumnas para o curso 21/22. O alcalde explicou que existe “demanda en exceso” na quenda de mañá e “pouca ou ningunha” de tarde.
As listas definitivas reflicten unha situación “desequilibrada” na utilización das escolas, asegurou Abel Caballero este luns, xa que a gran maioría de familias solicitan horario de mañá: “Hai moita demanda, demanda en exceso, pola mañá e pouca ou ningunha polas tardes”. Esta situación vén de anos atrás e supón que o Concello, entre aqueles que non obtiveron praza, está a ofrecer agora vacantes principalmente nas quendas de tarde e apenas algunha nas de mañá.
Vigo dispón dunha rede de nove escolas infantís municipais ás que o Concello adica máis de dous millóns de euros anuais, segundo explicou o alcalde, e ademais cofinancia tres centros de titularidade autonómica: os de Valladares, rúa Palencia e Hernán Cortés. Caballero subliñou que a metade dos usuarios das municipais non paga nada por razóns de renda e ademais indicou que a cidade subvenciona de media o 82% do custo de cada praza.
O alcalde contrapuxo a contía máxima a abonar polas familias nas escolas infantís municipais (127 euros mensuais) coas da Xunta de Galicia (243 euros), así como o número de centros de titularidade do Concello e da autonomía (nove municipais fronte a cinco autonómicas): “O Concello, que non ten competencia nin obrigación, ten nove escolas infantís e a Xunta, que ten competencia e obrigación, só ten cinco. Esta é a realidade”, valorou.
Cabo Verde
Ademais, Caballero informou dunha subvención aprobada pola Xunta de Goberno Local á Fundación Mulleres por África, dez mil euros que o Concello destina a un proxecto educativo na illa de Santiago, en Cabo Verde.