Concello e Deputación ultiman a súa achega de 500.000 euros ao festival O Marisquiño
Abel Caballero recibiu este mércores aos organizadores e lles informou de que en próximos días a Xunta de Goberno Local aprobará o convenio entre o Concello e a Deputación, administracións que destinan este ano medio millón ao evento.
Medio millón de euros para a edición 2021 do Festival O Marisquiño. Esta é a contía que Concello e Deputación achegarán este ano ao certame de cultura e deporte urbano, que se celebra en Vigo desde hai dúas décadas. O alcalde avanzou hoxe mércores que a Xunta de Goberno Local validará en días o convenio entre Concello e Deputación ao efecto e trasladoullo nunha reunión na Alcaldía aos responsables, Joako Ezpeleta e Carlos Domínguez, “Piti”.
Segundo explicou Caballero en rolda de prensa, a entidade provincial reserva 180.000 euros e a administración local viguesa, 320.000 euros máis. En total, medio millón de euros dedicados por Concello e Deputación que contrastan, salientou o alcalde, cos 158.000 euros que percibirá o festival da Xunta de Galicia, unha vez descontado o IVE a abonar. “O Concello e a Deputación achegamos máis de tres veces o que adica a Xunta de Galicia”, subliñou.
Pola contra, o rexedor vigués asegurou que a Xunta de Galicia apuntala o Xacobeo con 60 millóns de euros e financia o festival O Son do Camiño, que ten lugar en Compostela, con outros 2,5 millóns de euros. “Esta é a diferencia, isto é o que eu non estou disposto a admitir”, censurou Caballero: “Eu non obxecto a que a Xunta adique diñeiro ao Xacobeo, a O Son do Camiño e a Santiago, pero a Vigo tamén lle ten que adicar o que lle toca. Esa é a miña obxección”, engadiu.