Escoitar

O alcalde valora a “viabilidade” do trazado do AVE de Vigo a Madrid por Cerdedo

Nun acto celebrado este luns na estación Vialia, a presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, explicou que o estudo hidroxeolóxico recolle a “idoneidade do trazado” do AVE polo que non se prevén contraindicacións do informe de impacto ambiental. Amais, o 2 de xullo o Ministerio abre as ofertas económicas para a redacción dos proxectos construtivos da saída sur de Vigo.

luns, 28 xuñ 2021
O alcalde nun momento da presentación do estudo hidroxeolóxico en Vialia
O alcalde nun momento da presentación do estudo hidroxeolóxico en Vialia

Abel Caballero celebra que despois de case dous anos de desenvolvemento do estudo hidroxeolóxico a conclusión é que “dá luz verde ao tren de alta velocidade no trazado Vigo-Ourense por Cerdedo; non haberá limitación pola declaración de impacto ambiental porque “é viable e será viable”, aínda que o traballo de observación debe continuar un ano máis.

“Cómpre realizar máis estudos tal e como contempla a lei, dixo o rexedor, pero “sabemos que a decisión vai ser positiva polo que hoxe máis ca nunca o tren directo Vigo-Madrid permanece máis presente ca nunca”, malia os intentos, censurou, do presidente da Xunta de Galicia “de levarnos por Santiago”. Así, agradeceu a ADIF “o empeño que pon na realización do estudo”.

Isabel Pardo de Vera, presidenta de Adif, expuxo na estación Vialia o traballo realizado dentro do estudo hidroxeolóxico que se está desenvolvendo e que confirma “a idoneidade e viabilidade do trazado, polo que é un avance máis, un requirimento máis dentro das prescricións que, en clave de sostibilidade e resiliencia no transporte ferroviario é a máxima”. Tal e como apuntou, o estudo hidroxeolóxico foi completado pero agora queda por diante un ano de traballos para completar o estudo informativo sempre en coordinación co Ministerio de Transición Ecolóxica e, dende ese momento, “tramitación e despregamento dos proxectos construtivos”.

Sergio Vázquez Torrón, secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, expuxo que dende o Ministerio “rescatamos dúas conexións que estaban en hibernación: a conexión directa con Madrid por Cerdedo e a Saída Sur de Vigo, que facemos polo convencemento propio de conectar unha rexión periférica co corazón da Península e de Europa porque cremos no potencial de Galicia e de Vigo. Estamos dando pasos firmes”.

Segundo explicou, o obxectivo principal do Ministerio con respecto ao AVE é actualizar o estudo informativo anterior cos axustes de trazado demandados no seu momento e asumindo os novos requisitos que este estableza. O estudo informativo será a base para tramitar a información pública, realizar as consultas a outras administracións e solicitar a declaración de impacto ambiental.

Ademais, Vázquez Torrón informou do desenvolvemento do estudo de alternativas da saída ferroviaria do sur de Vigo, “vital para a cidade”. Así, apuntou que o vindeiro 2 de xullo, se realizará a apertura das ofertas económicas para a redacción do estudo que permitirá abordar a continuidade do Eixo Atlántico cara Portugal e a concentración de tódolos servizos ferroviarios na estación Vialia. Lembrou tamén que o 16 de xuño, España e Portugal mantiveron un encontro para abordar esta cuestión e trasladou o interese de España por “potenciar a conexión Vigo-Oporto; a conexión con Portugal é relevante para o Ministerio”.

O alcalde tamén valorou que o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Sergio Vazquez Torrón ratificase a saída sur de Vigo e lembrou que é posible facela porque “cando cheguei á alcaldía pedín que a entrada fose en túnel para poder facer a saída sur, que sería imposible no caso de que se fixese en superficie a entrada do tren en Vigo, tal e como estaba previsto sendo Feijóo conselleiro de Fomento no goberno de Fraga.

 

 

 

O alcalde nun momento da presentación do estudo hidroxeolóxico en Vialia
Descargar todas as imaxes