Caballero: "Vigo é o principal aeroporto de Galicia cando se funciona sen subvención"
A terminal olívica liderou o pasado mes de marzo o tráfico de pasaxeiros de Galicia sumando máis de 24.000 voos, fronte aos 23.000 da Coruña e aos case 23.000 de Santiago. O destino principal do aeroporto de Vigo é Madrid, seguido de Barcelona.
O alcalde explicou que o destino regular con máis tráfico de pasaxeiros é a capital española, co 82% dos voos, xa que "temos unha intensa relación aérea e forte relación con Barcelona", que é o segundo destino.
As compañías que prestan este servizo na terminal da cidade non están subvencionadas, puntualizou o rexedor, para quen Vigo ten unha "inxente capacidade de transporte aéreo, de negocios, empresarial" e ademais é unha grande cidade turística.
O liderado de Vigo no mes de marzo en canto ao tráfico de pasaxeiros en Galicia, amosa para Caballero que "cando se funciona sen subvencións, Vigo é o principal aeroporto de Galicia. Isto é importantísimo. O que distorsiona o transporte aéreo en Galicia son as inxentes axudas que a Xunta de Galicia dá aos voos desde Santiago". Así, engadiu que "ducias" de compañías son subvencionadas pola Xunta de Galicia para voar a Santiago e, pola contra, non subvenciona ningunha que voe a Vigo cando "o diñeiro para os de Santiago se financia cos impostos de Vigo" e favorece o turismo, a hostalería e o transporte desde a capital galega.