Escoitar

O Concello entregará 700 árbores ás comunidades de montes de Vigo

As comunidades de montes das diferentes parroquias da cidade recibirán 700 árbores -castiñeiros e carballos -para que sexan plantados no ámbito forestal. En rolda de prensa o rexedor felicitouse por liderar o goberno local que máis árbores plantou na historia da cidade.

venres, 18 dec 2020

Abel Caballero anunciou esta mañá que o Concello entregará 700 árbores ás diferentes comunidades de montes da cidade. Concretamente, antes de que finalice o ano distribuirá castiñeiros e carballos ás seguintes parroquias: Comesaña, Coruxo, Matamá, Valladares, Beade, Bembrive, Saiáns, ademais de achegar 200 exemplares ao Parque forestal de Comesaña.

En rolda de prensa, o rexedor lembrou que nos anos que leva de goberno, plantáronse ducias de árbores no ámbito forestal e máis de 5.000 exemplares na cidade, o que permitiu duplicar o número existente na contorna urbana, que agora alcanza as 11.150 unidades. “Temos o récord de ser o goberno que máis árbores plantou na historia da cidade”, salientou, para crear un Vigo “verde, ecolóxico e enerxeticamente eficiente”.