Escoitar

O goberno municipal acada un investimento de 7,5 millóns de euros na humanización de García Barbón

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación das obras de humanización de García Barbón, entre Rosalía de Castro e Isaac Peral por un importe de 2,2 millóns, así como a contratación da reforma da iluminación no parque de Castrelos por 623.000 euros.

venres, 11 dec 2020

Abel Caballero informou este venres da aprobación desta contratación coa que se humanizará un novo tramo de García Barbón, entre as rúas Rosalía de Castro e Isaac Peral renovando as canalizacións, a pavimentación, a xardinería, a iluminación, o mobiliario e a rede semafórica. Ten un prazo de execución de 10 meses.

O rexedor apuntou que se trata dunha “obra parada pola Xunta de Galicia hai dous anos” que se retoma agora á espera de poder facer o tramo restante, entre Isacc Peral e o inicio da zona de Teis e que ten un orzamento de 2,2 millóns de euros. Así, o goberno municipal suma un investimento total na humanización de García Barbón de 7,5 millóns de euros.

Ademais, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ao expediente de contratación das obras de reforma da instalación de iluminación pública no parque de Castrelos, que ten un orzamento de licitación de case 623.000 euros e un prazo de execución de 4 meses. O goberno municipal abre o proceso de licitación para a selección do contratista, que debe actuar nunha superficie de 75.300 metros cadrados nos que se deben renovar case 200 puntos de luz. As actuacións inclúen o cambio da iluminación na zona do parque infantil, no circuíto de running, na entrada do parque e na zona deportiva, na rúa Ángel Ilarri, a ponte sobre o río e a porta de entrada incluíndo luces LED, novas canalizacións e canleados, a demolición dos antigos farois, arquetas e demais elementos da instalación existente.