Escoitar

O Concello financia 15 controladores para velar polo cumprimento da norma sanitaria na hostalería

Abel Caballero deu conta esta mañá dunha subvención de 75.000 euros para que FEPROHOS contrate a 15 controladores que se encargarán de garantir a seguridade Covid na hostalería da cidade. A misión destes profesionais será informar a empresarios e clientela sobre procedementos acordes á normativa sanitaria.

venres, 11 dec 2020

A Xunta de Goberno local aprobou esta mañá unha subvención de 75.000 euros en favor da Federación de Empresarios de Hostalaría da provincia de Pontevedra (FEPROHOS) para o control do grado de cumprimento das medidas hixiénico sanitarias contra a Covid 19 na hostalaría da cidade. Tal e como explicou, a semana que vén asinarase un convenio para cooperar durante 4 meses e medio cos cafés/bares, restaurante e hoteis no cumprimento, mellora e corrección dos protocolos que se deben de seguir, así como obter información sobre a situación do sector.

A Federación será a encargada de contratar 15 persoas que, previa formación, visitarán locais de toda a cidade co obxectivo de asesorar a empresarios e clientes. Finalmente, os establecementos recibirán un recoñecemento de calidade que poderán exhibir nos seus locais de forma que os clientes/usuarios saberán que as instalacións e os seus procedementos son acordes á normativa sanitaria.

Centro Municipal de Servizos Sociais Princesa

O goberno local deu luz verde esta mañá ao traslado temporal do Centro Municipal de Servizos Sociais Princesa ao inmoble situado na rúa Méndez Núñez (antiga sede da UNED) durante os trece meses que se van alongar os traballos de rehabilitación do edificio da Praza Princesa, 7 onde se ubica actualmente. A rehabilitación -cofinanciada con Fondos DUSI -está en proceso de licitación por un importe de 640.000 euros.

Dado que os traballos de remodelación non son compatibles coa actividade no edificio, o Concello vese na obriga de suspender temporalmente as autorizacións de uso do primeiro e segundo andar ao Consorcio Casco Vello, á entidade veciñal Eduardo Chao, así como á Oficina de rehabilitación da Xerencia Municipal de Urbanismo. Estes colectivos deberán abandonar o inmoble da Praza da Princesa nun prazo máximo de dous meses desde a recepción da notificación deste acordo.