Escoitar

O alcalde propón o regreso da escultura de García Barbón a Santiago de Vigo

O traslado ao seu emprazamento actual na glorieta de Isaac Peral foi “un erro histórico”, a xuízo de Caballero, quen avogou por retornar a obra de Asorey ao lugar onde foi inaugurada en 1927, contra o muro que separa García Barbón de Alfonso XIII, moi próxima á igrexa de Santiago de Vigo.

xoves, 10 dec 2020
O alcalde amosou unha imaxe do 28 de setembro de 1927, día da inauguración da escultura en homenaxe a José García Barbón
O alcalde amosou unha imaxe do 28 de setembro de 1927, día da inauguración da escultura en homenaxe a José García Barbón

“Quero que a escultura regrese ao sitio para onde foi feita”. Abel Caballero manifestou este xoves en rolda de prensa a súa intención de que a obra de Francisco Asorey retorne ao inicio de García Barbón, xunto ao muro que une a avenida coa rúa Alfonso XIII, cerca da igrexa de Santiago de Vigo. Alí foi inaugurada o 28 de setembro de 1927, nun acto presidido polos reis Alfonso XIII e Victoria Eugenia, e trasladada a Isaac Peral décadas despois, coa construción do edificio que fai esquina entre ambas vías.

“Nós temos en mente corrixir os erros históricos desta cidade e quitar esta escultura desta zona foi un erro histórico, a escultura naceu para alí”, expuxo Caballero, quen recordou que a Xunta de Galicia non autorizou o proxecto de humanización do Concello de Vigo que contemplaba o traslado da peza escultórica.

O alcalde vinculou a saída da obra de granito e bronce de Asorey co emprazamento actual da escultura de Ramón Conde ao inicio da Gran Vía: “Queremos que se devolva a escultura [de García Barbón] ao sitio, e claro que queda baleira a rotonda de Isaac Peral, e claro que é un gran lugar para poñer a escultura dos ‘Redeiros’, que ten ser vista en 360º e a distancia, con perspectiva”.

Caballero engadiu que “seguramente hai mellores localizacións para os ‘Redeiros’, porque a actual é unha mala localización, porque non hai perspectiva para ver esa gran escultura, e agora menos, que pasa xente ao lado”, en referencia ao uso do bulevar para acceder ás ramplas mecánicas recentemente inauguradas na Gran Vía.

O alcalde asegurou que o Monumento ao traballo, coñecido popularmente como os “Redeiros” e situado no inicio do bulevar da Gran Vía, supón “un problema de mobilidade” ao “non estar preparado para o nivel de xente que pasa por aí” para acceder ás cintas. Caballero abondou en que a polémica non é o destino da obra de Conde, senón que “a pregunta é: a estatua dos ‘Redeiros’, no sitio onde está, permite o paso coa seguridade que necesitamos?”

Descargar todas as imaxes