Escoitar

O goberno local concede a licencia para un novo aparcamento en superficie na rúa Navarra

Abel Caballero anunciou este xoves que o Concello de Vigo concedeu unha licencia para a implantación dun aparcamento provisional na rúa Navarra cunha superficie de 5.000 metros cadrados. A obra correrá a cargo da empresa Parkingal SL e terá un custe de 70.000 euros.

xoves, 10 dec 2020

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este xoves en rolda de prensa que a Xerencia de Urbanismo do vindeiro martes 15 de decembro concederá á mercantil Parkingal S.L. licenza de obras para implantar un aparcamento provisional na rúa Navarra (entre Fátima e Vía Norte, nas inmediacións do novo Centro Vialia).

Segundo explicou o rexedor, o importe de execución da obra é de 70.593 euros e a súa superficie total, 5.000 m². O terreo sobre o que se constrúe o aparcamento está no ámbito do PERI IV-03 Vía Norte-Travesía de Vigo, aínda sen desenvolver.

O Plan Xeral de Ordenación Municipal de 1993 indica que o ámbito ten uso residencial con tipoloxía de bloque illado pero, toda vez que o uso do parking non está prohibido nas ordenanzas de referencia, debe concluírse que non existe impedimento para a súa implantación.

As obras a realizar para o aparcamento inclúen movemento de terras, acondicionamento superficial do terreo, derribo de una edificación de 26 m² situada nunha das parcelas, construción de muros de formigón cunha altura máxima de 1,5 metros, peche da parcela cunha malla metálica a unha altura máxima de 2 metros, instalación de saneamento e iluminación, execución da caseta de control e aseos.

O alcalde tamén aclarou que a obra é de uso provisional e deberá cesar o derribarse cando así o decida o Concello, sen dereito a indemnización.